30 novos positivos e 47 curados de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Este xoves día 8, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés notifica 613 casos activos, o que supón 17 menos que onte. Son 30 novos casos positivos e 47 pacientes curados.
Nesta área mantéñense 13 pacientes covid ingresados en planta de hospitalización dos que 11 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, ningún no Hospital QuirónSalud e 2 no Hospital do Salnés. Ademais hai 7 pacientes covid na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.
Así mesmo, permanecen 593 casos COVID evolucionando en domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia do covid-19 curáronse 1.687 pacientes (47 máis que no día de onte) e faleceron por este virus na área sanitaria 23 pacientes, a última, este mércores, unha muller de 66 anos que estaba ingresada en Montecelo e que presentaba patoloxías previas.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 777, que se engaden ás 48.671 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
DATOS LOCAIS
Os concellos informaron dos datos oficiais relativos á incidencia da covid que este xoves facilitou a Consellería de Sanidade.
Así, Pontevedra capital ten 242 casos activos o que supón 22 contaxiados menos que onte.
Marín conta con 56 casos activos a día de hoxe, 5 menos que o mércores. Isto supón o rexistro de 2 novos positivos e de 7 altas epidemiolóxicas e estase a facer un seguemento a 69 contactos a través dos servizos sanitarios. Estas cifras supoñen "unha boa nova", segundo anunciou a alcaldesa María Ramallo, que engadiu que "é preciso seguir traballando no seguemento dos contactos e seguir cumprindo estritamente todas as restricións actualmente vixentes na nosa vila".
En Poio hai 29 casos activos de coronavirus, o que se traduce en cinco casos menos con respecto aos datos da xornada anterior. Este é o séptimo día consecutivo no que se rexistra unha baixada de número de infectados, despois de que nas últimas 24 horas se detectasen tres novos positivos e se confirmasen oito altas médicas, tal e como informou o xerente da Área Sanitaria de Ponteverda - O Salnés. Ademáis hai 75 persoas en seguimento por seren contactos das persoas infectadas.
En Sanxenxo son 23 positivos, tres casos menos que o mércores.
Os contaxios de covid-19 en Vilagarcía volveron a subir: dos 45 de onte aos 50 notificados hoxe pola Xunta. Nunha soa xornada se produciron 6 novos contaxios e unicamente unha alta médica. Nestes momentos hai 121 persoas máis baixo seguimento.
No concello de Vilanova de Arousa son 21 afectados, rexistrouse un aumento de catro persoas máis con respecto ao mércores.
DATOS GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.083, deles 784 son da área da Coruña, 483 da de Lugo, 1.148 da de Ourense, 613 da de Pontevedra, 408 da área de Vigo, 545 da de Santiago, e 102 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 3.861 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 20.860 persoas curadas, rexistrándose 774 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 531.410.
Na xornada de onte rexistrouse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores Ballesol Oleiros e trátase dunha muller, de 96 anos e con patoloxías previas.