O goberno local de Poio insistirá na petición á Xunta dunha marquesiña para os escolares de Raxó
Por Redacción
No pleno do 27 de outubro debaterase a petición á Xunta de Galicia dunha marquesiña en Raxó no tramo da PO-308, no lugar de Covelo, na parroquia de Samieira. Os tres partidos do goberno local, BNG, PSOE e Avante Poio, presentarán unha moción para solicitar esa instalación na parada de autobús.
Segundo expoñen desde o Concello, trátase dunha reclamación veciñal porque os escolares teñen que esperar ao transporte á intemperie e, tanto no outono como no inverno, enfróntanse ás condicións meteorolóxicas.
O goberno local tamén quere que a Consellería de Infraestruturas recupere a parada de autobús que existía nesas inmediacións e que se suprimía durante as obras de mellora desta estrada que cruza o Concello de Poio pola costa.
Os tres artidos móstranse sorprendidos pola falta de resposta por parte da Xunta a estas demandas ao tratarse de obras menores. Chelo Besada, concelleira de Obras, sinala que existe un espazo próximo á parada de autobús dos escolares onde tería cabida a marquesiña que se demanda e, con todo, a Xunta non comunicou a súa intención de executar esta obra. Tamén lamentan desde o goberno local que a Consellería non tivese en conta numerosas alegacións realizadas ao proxecto de reforma da PO-308.
Por outra banda, o Concello de Poio realiza xestións para habilitar unha marquesiña de autobús en Casalvito, unha moción que presentara no último pleno o Partido Popular e que foi aprobada por unanimidade. O alcalde Luciano Sobral indica que se está tentando localizar ao propietario dunha parcela onde se podería instalar a marquesiña. O goberno local tamén quere traballar nun plan para mellorar estas instalacións en todas as parroquias.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio urxe á Xunta para que instale a marquesiña en Raxó
Por Redacción |
-
Poio mellora o vial do Pereiro para facilitar o tránsito dos peóns
Por Redacción |
-
A Xunta facilitará unha marquesiña para instalar en Raxó na estrada PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
A PO-308 entre O Covelo e A Granxa é agora unha estrada "moito máis funcional, humana e segura", segundo a Xunta
Por Redacción |
-
Pasos de peóns e prazas de carga e descarga, principais reclamacións veciñais á Xunta para a reformada PO-308
Por Redacción |