O garda civil que auxiliou dúas bañistas en Lourido, heroe 'reincidente'
Por Natalia Puga
O 19 de agosto Carlos Blanco Parada auxiliou dúas mulleres con perigo de afogarse na praia de Lourido (Poio). Converteuse nun heroe para as dúas bañistas, ás que axudou, pero non é a primeira vez que destaca por este tipo de accións ousadas. ÿ axente da Garda Civil dende hai 23 anos e neste tempo xa foi condecorado en catro ocasións.
Cando realizou a súa última fazaña estaba no seu día libre, franco de servizo, de modo que a súa heroicidade aínda parece maior. De todos os xeitos, aínda que nas anteriores ocasións estaba a realizar o seu traballo, tamén destaca a valentía e eficacia coa que o desempeñou, de aí que recibise as correspondentes distincións
A máis destacada dende que en 1990 entrou a formar parte do Corpo da Garda Civil remóntase ao ano 2002. Recibiu a Cruz con Distintivo Vermello da Orde do Mérito do Corpo da Garda Civil, a máis alta que se pode conceder a un axente en tempos de paz, por unha intervención en Rois (A Coruña).
A intervención pola que recibiu esta condecoración realizouna cando traballaba no Grupo de Reserva e Seguridade (GRS), no que agora está destinado en Pontevedra. En 2002 os seus compañeiros estaban a intentar reducir un home con problemas mentais armado cun machado ao que había que trasladar a un centro hospitalario, pero o estado de agresividade dificultábao. Varios axentes recibiron golpes e mesmo lles rompeu o casco e foi Carlos Blanco o que conseguiu detelo malia a súa resistencia. Ademais, fíxoo de forma que o home non resulto ferido e tampouco se xeraron máis situacións de perigo para o resto de gardas, de aí que fose condecorado.
A valentía de Carlos Blanco destacouna este xoves o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello Bufill, que o visitou na Comandancia de Pontevedra para agradecerlle persoalmente esta heroica actuación e recordar que "os actos humanitarios engrandecen aínda máis ás persoas e ao Corpo da Garda Civil".
Así mesmo, quixo facer extensivo esta homenaxe "á entrega, a capacidade de traballo, o espírito de sacrificio e a vocación de servizo que demostran, día a día, os axentes da Garda Civil e, por extensión, das Forzas e Corpos de Seguridade no seu desempeño profesional".