Demandan máis persoal da Policía Nacional para a investigación de ciberdelitos, á alza nos últimos meses
Por Natalia Puga
O incremento das denuncias relacionadas cos delitos cometidos a través de Internet é imparable xa nos últimos anos e, noa últimos catro meses, disparouse, de modo que se fai máis necesario que nunca que os corpos policiais conten co persoal adecuado para a súa investigación. Con esta premisa como punto de partida, o Sindicato Unificado de Policía (SUP) demandou este mércores desde Pontevedra maior esforzo da Policía Nacional neste campo.
O SUP reivindica a creación, en todas as comisarías, de grupos especializados que poidan loitar con medios e formación específica contra a ameaza destes delitos cometidos a través de internet, pois en xeral hai escaseza de medios e formación.
En concreto, na Comisaría de Pontevedra hai tan só cinco policías que teñen asumir outro tipo de tarefas a maiores destas específicas e en Vilagarcía e Marín nin sequera contan con persoal especifico e asumen a súa investigación axentes da Policía Xudicial.
Os representantes do SUP a nivel galego e provincial, Roberto González e Sandra Fernández, compareceron este mércores en Pontevedra acompañados por Arán Feijoo, delegado de Cyber Security Management en Galicia, e deron a coñecer estes datos.
Segundo explicaron, desde a declaración do estado de alarma detectouse un aumento dos delitos informáticos, que desembocaron nun notable incremento das denuncias no últimos catro meses.
No que vai de ano, en Galicia xa se presentaron preto de 6.000 denuncias, só en ámbito Policía Nacional, ás que habería que sumar as que chegaron a outros corpos policiais. Entre xuño, xullo, agosto e setembro, as denuncias por delitos telemáticos duplicáronse en comparación co mesmo período do ano anterior.
Ademais, nos últimos anos detectouse que hai ataques cada vez máis complexos, cunha crecente profesionalidade da cibercriminalidad. A miúdo, por mor da sofisticación do software malicioso, non é posible aplicar accións de defensa ou buscar as orixes dos ataques.
Os representantes do SUP sosteñen que o illamento domiciliario derivado da alerta sanitaria aumentou o uso da internet e, por tanto, o incremento dos delitos informáticos foi exponencial, a pesar de que son conscientes de que moitos delitos poden non denunciarse, pois algúns particulares non denuncian por vergoña ou pola contía da estafa e algunhas empresas tampouco o fan.
Co obxectivo de adaptar a formación dos axentes a esta nova forma de delincuencia e de dotalos dos coñecementos necesarios nesta materia, considerada como estratéxica, o SUP colaborará na organización dun curso de Ciberseguridad, que impartirá, en modo teleformación, a entidade Cyber Security Management.
Este curso ten unha duración de 20 horas, distribuídas en seis sesións. Impartirase entre o 20 de outubro e o 3 de novembro e ten a homologación provisional da Academia Galega de Seguridade Pública.