Os municipios con restricións pola alta incidencia da covid-19 ven baixar a curva de contaxios
Por Natalia Puga
As restricións especiais postas en marcha para frear a expansión da covid-19 nos concellos das comarcas de Pontevedra e O Salnés están a axudar a frear a cura de contaxios en todas estas localidades. Todos os municipios que facilitaron os datos este martes teñen unha redución do número de casos activos.
O Concello de Pontevedra tivo coñecemento dos datos este martes despois da reunión mantida entre a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a Consellería de Sanidade e os alcaldes de varios municipios. En concreto, este martes hai 281 casos activos, 17 menos que os rexistrados o luns.
En Marín, os casos activos son 60, catro menos que os contabilizados o luns. Nas últimas 24 horas rexistráronse dous novos positivos, pero os casos globais baixaron porque tamén houbo seis altas epidemiolóxicas.
A maiores, segundo os datos facilitados pola alcaldesa, María Ramallo, estase a facer un seguimento a 63 persoas a través dos servizos sanitarios.
Tamén en Poio está a deterse a curva. Segundo os datos achegados polo conselleiro de Sanidade na reunión telemática cos concellos da comarca de Pontevedra que contan con restricións neste municipio hai 36 casos activos, un menos que na xornada do luns.
En Poio, este martes é o quinto día consecutivo no que se rexistra unha baixada de número de infectados, despois de que nas últimas 24 horas non se detectase ningún novo positivo e se confirmase unha alta médica. Neste municipio hai 73 persoas en seguimento.
En Vilagarcía de Arousa, na última xornada producíronse 8 novas altas e un só contaxio, de maneira que o número total de casos activos baixa dos 58 aos 51 casos, 6 por debaixo de cando comezaron as actuais restricións.
No caso de Vilanova de Arousa, nas últimas 24 horas non se detectou ningún novo contaxio e o número de casos en activo baixa a 19 tras a alta médica de 4 persoas.