Inauguran o Km 0, o punto onde nacen os roteiros turísticos de Pontevedra
Por Redacción
Desde este martes, a Praza de España conta cun sinal de cor vermella de catro metros de alto que marca o quilómetro cero desde o que se inician os principais roteiros históricos, naturais e turísticas do municipio.
Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes inauguraban este punto situado fronte ás Ruínas de San Domingos. Este novo elemento conta cun código QR que envía os visitantes á web da Concellería de Desenvolvemento Sostible onde se achega información detallada de diferentes puntos de interese turísticos e dos percorridos co seu grao de dificultade e mapa do trazado.
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo, afirma que todos estes percorridos tamén se atopan recollidos na guía de roteiros por espazos verdes, parques e xardíns urbanos 'PontevedraVerde', que se pode descargar en formato pdf a través de visit-pontevedra.com
As diferentes propostas para coñecer o municipio recollen zonas como o barrio da Moureira; a Xunqueira de Alba; a Illa das Esculturas; o río dos Gafos; o Lérez; os roteiros Castelao, Sarmiento, Pintos e Bolechas ata o Camiño Portugués; Santa María de Xeve; Ponte Sampaio, a Serra da Fracha ou As Mouras na parroquia de Salcedo, entre outros.