Cerdedo-Cotobade acollerá un polígono agrario para produción de mazá de sidra
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai acoller un gran polígono agrario, cunha extensión de máis de 100 hectáreas, adicado á producción de mazá de sidra que se enmarca no proxecto local para reactivar o medio rural e poñer en valor as terras agrarias e forestais do municipio e que se está a desenvolver coa colaboración doutras administracións, principalmente a Xunta de Galicia.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que asistíu a semana pasada a un encontro inicial sobre este proxecto na Estrada co conselleiro de Medio Rural, José González, e co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, o cerdedense José Balseiros, explicou que o executivo galego vai apoiar e desenvolver senllos polígonos para a produción de mazá de sidra na zona.
O obxectivo é convertela nun referente do sector tendo en conta a potencialidade da Estrada, que produce para fábricas galegas, conta con varios lagares e incluso ten unha consolidada Feira da Sidra.
"Somos concellos veciños, con moi boa relación e ademais nós dispoñemos de moita superficie e moitas gañas de aproveitar todas as oportunidades que nos cheguen para crear riqueza e emprego. E ademais trátase dun proxecto vencellado ao mundo rural e ao agro, que son aspectos intrínsecos ao noso territorio, polo que creo que é unha gran opción adicar terreos agora improdutivos para maceiras de sidra, que ben seguro que deixarán réditos laborais e económicos", explicou, antes de aclarar que polo momento non está definida a localización e que se decidirá nas próximas semanas.
Nesta liña, Cubela vencellou este polígono agrario da mazá de sidra a dous obxectivos que ten o goberno local e que pasan pola dinamización e produtividade do medio rural, para o cal estase executando un gran pastizal en Valongo con pretensión de aspirar a máis noutras zonas.
Ademais, proxéctase unha aldea-modelo en Parada e Mouteira coa colaboración da Xunta, e pola xeración de riqueza, emprego e asentamento empresarial a través da futura creación do parque industrial de Monte Mocín e, agora, deste proxecto para producir mazá de sidra.
Relacionadas:
-
A aldea modelo de Mouteira-Parada e o polígono agroforestal recuperarán preto de 90 hectáreas de terras agrarias
Por Redacción |
-
"Maceiras en flor", catro rutas para activar os sentidos
Por Oskar Viéitez |
-
O sector primario de Cerdedo-Cotobade quere crear unha marca propia de calidade
Por Oskar Viéitez |
-
O polígono para o cultivo de mazá de sidra de Tomonde ocupará unhas 68 hectáreas
Por Redacción |
-
Monte Mocín, o novo chan industrial en Santa María de Sacos, a punto de aprobarse
Por Redacción |
-
Proxectan unha aldea modelo en Parada que reactive o traballo agrogandeiro e evite lumes forestais
Por Redacción |
-
A Xunta inicia o primeiro pastizal do ano en Galicia nos montes de Valongo
Por Redacción |