O atraso da dragaxe no río Lérez, a debate no Parlamento de Galicia
Por Redacción
Paloma Castro, deputada socialista no Parlamento de Galicia, ten previsto presentar o vindeiro xoves 8 de outubro unha pregunta ao goberno galego sobre o atraso no proxecto de dragaxe e rexeneración dos bancos marisqueiros do río Lérez.
En concreto a responsable socialista levará esta iniciativa á Comisión de Ordenación Territorial, onde lle reclamará que se inclúa o proxecto no orzamento do ano 2021.
"A pesar do prexuízo para a cidade de Pontevedra, e de ser prometido en numerosas ocasións polo presidente da Xunta de Galicia, tras 11 anos de espera os fondos mariños do río seguen acumulando sedimentos ata o punto de poder case cruzalo a pé cando está a marea baixa", explica a parlamentaria.
Trátase, asegura, dun "abandono da nosa ría" que provoca "graves consecuencias para o sector do mar, xa que impide a rexeneración e a recuperación dos bancos marisqueiros".
Ademais engade á lista de sectores afectados á navegación deportiva e actividade náutica.
Castro lembrou que Portos de Galicia iniciou en 2011 a tramitación dun proxecto para a rexeneración dos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra e a dragaxe do río Lérez, entre Os Praceres e o Club Naval, nun tramo de aproximadamente 4,5 quilómetros, pero despois de 9 anos o proxecto "converteuse máis nunha promesa electoral que nunha realidade".
Relacionadas:
-
Os socialistas piden explicacións a Rueda sobre os atrasos na construción do Gran Montecelo e na dragaxe do Lérez
Por Redacción |
-
Portos tramitará "con celeridade" a dragaxe do Lérez e a oposición pide "non dar paus de cego"
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG propón tratar en terra os lodos do Lérez para desbloquear o proxecto de dragaxe do río
Por Redacción |
-
O PSdeG urxe o dragado do Lérez e propón depositar os lodos de xeito provisional preto do Club Naval
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |