Marín denunciará o próximo 25-N que "a pandemia e as súas consecuencias afecta máis ás mulleres"
Por Redacción
Marín non renuncia a conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia sobre a Muller, a pesar das limitacións derivadas da pandemia da covid-19 e acaba de decidir, que, ademais, na súa edición deste ano centraranse en denunciar a forma en que a alerta sanitaria afecta ás mulleres.
O Consello Municipal da Muller de Marín mantivo unha reunión este luns e decidiu xa comezar a preparar as accións para o 25-N. Entre outros acordos, decidiron que a declaración institucional deste ano tratará de evidenciar como "a pandemia e as súas consecuencias afecta máis ás mulleres".
Ademais, o Consello Municipal da Muller fará fincapé na situación na que se atopan as mulleres prostituídas e as que son vítimas da trata, pois, como colectivos vulnerables, están aínda máis afectadas pola situación que se está a vivir na actualidade.
A declaración institucional abordará tamén as medidas de conciliación familiar e laboral, que afectan especialmente ás mulleres e, dadas as limitacións da pandemia, faranse accións menos visibles e especial traballo cos centros educativos.
Segundo anunciou o Concello, intensificaranse as accións de divulgación e concienciación a través dos medios telemáticos, especialmente as redes sociais.
O Consello Municipal da Muller acordou manter a entrega dos Premios Lazo Violeta, outorgados a aquelas persoas ou institucións que traballan en prol da igualdade e especialmente contra a violencia de xénero. Durante o Consello, avaliáronse varias candidaturas e chegouse ao acordo de que se artellará unha proposta que englobe a toda a cadea de servizos esencias que traballan na loita contra a violencia de xénero e que foron especialmente imprescindibles durante a época do confinamento.
A concelleira de Igualdade e Benestar Social de Marín, Marián Sanmartín, presidiu a reunión, na que tamén participaron a concelleira Mónica Viqueira, o persoal técnico do departamento de Servizos Sociais do Concello, o CIM de Marín e representantes das asociacións de mulleres ou con vogalía de muller e dos sindicatos e representantes dos partidos políticos da Corporación municipal.
Relacionadas:
-
O Centro de Información á Muller de Marín rexistrou 906 consultas durante 2020
Por Redacción |
-
Lectura, películas e exposicións axudarán a traballar co alumnado de Marín contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
A crise da covid incrementa o número de usuarios dos servizos sociais de Marín
Por Redacción |
-
Un 'Lazo Violeta' colectivo para a loita contra a violencia machista durante a pandemia
Por Redacción |