A Xunta inicia este luns a roza das marxes da estrada entre Cambados e Vilagarcía
Por Redacción
A Xunta comeza este luns os traballos de roza e limpeza nas marxes da vía de alta capacidade VG-4.3, que comunica Cambados e Vilagarcía.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de máis de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.
Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.