Os sindicatos preocupados polo aumento do paro na capital
Por Redacción
A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre do ano rexistra un aumento de 1.500 desempregados máis no Concello de Pontevedra. 900 deles correspóndense co sector servizos. Un dato que preocupa nas centrais sindicais. Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT relaciona este dato co feito de que Pontevedra é unha cidade administrativa e apunta que "o estrangulamento que sofre este sector da poboación afecta directamente á rama de servizos". Tamén se perderon 300 empregos na construción e outros tantos na industria. Segundo indica Ramón Vidal existe menos contratación porque "os empresarios están axustando ás ofertas de traballo".
En toda España, o número de desempregados incrementouse en 85.000 persoas e a cifra sitúase en 5.778.100, un novo máximo histórico. Non obstante, Galicia foi unha das comunidades onde baixou o número de parados con 11.900 menos que o trimestre anterior. Con esta baixada, Galicia computou 264 mil desempregados ata setembro, 70.000 máis que hai un ano.