A segunda fase do Plan Reinicia Turismo de #Pontelovers convoca a un grupo de expertos para rescatar ás pemes turísticas
Por Redacción
A plataforma #PonteLovers, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, acaba de poñer en marcha a segunda fase do seu Plan Reinicia Turismo, destinado a apoiar e mellorar a competitividade das pemes turísticas de Pontevedra.
Tal e como avanzou a edil socialista Yoya Blanco, "nesta etapa do proxecto, que se iniciou o pasado xoves 1 de outubro cunha sesión online introdutoria e de análise de situación das firmas participantes no programa, un 'dream team' de expertos especializados en diferentes ámbitos de xestión das empresas turísticas desenvolverán mentorías grupais durante dous meses (a última sesión está prevista para o 26 de novembro), baixo a coordinación da directora do plan, María Buceta, do equipo técnico do Grupo Innovaris Galicia".
Unha trintena de pemes vencelladas ao sector do turismo, das que un 84% pertencen aos ámbitos do aloxamento, as axencias de viaxes e os turoperadores e a restauración, participan nestas mentorías grupais, coas que se pretende ofrecer un acompañamento profesionalizado e deseñar estratexias empresariais concretas. "A idea é chegar o antes posible ás necesidades das pemes turísticas e poder incidir nunha acción inmediata -subliña a concelleira Yoya Blanco- neste momento tan complexo de restricións e mingua da actividade económica, brindando unha opción directa de apoio, formación, estratexia e xestión empresarial e fomentando unha mellora da competitiviade das firmas turísticas do concello de Pontevedra".
Segundo explica a edil de Promoción Económica e Turismo, para acadar este obxectivo, "o Grupo Innovaris achega un equipo multidisciplinar de profesionais altamente cualificados, con moita experiencia, solvencia e prestixio e de máximas garantías para a prestación de servizos en diferentes especialidades". A través de dez sesións, nesta segunda fase, as firmas turísticas participantes avaliarán a xestión, promoción e venda dos seus negocios, facendo especial fincapé nas actividades de comunicación e márketing dixital, realizarán unha análise de viabilidade e elaborarán plans específicos.
O consultor, auditor e técnico de proxectos e I+D+i Enrique Fumero, graduado en Administración e Dirección de Empresas e posgrao en Dirección e Xestión da Calidade e estudante do programa bilateral da London School of Economics, protagonizou a mentoría virtual inaugural acompañado pola propia Buceta, e será tamén o encargado da segunda mentoría de grupo, que terá lugar o vindeiro xoves 8 de outubro e que estará centrada nos resultados da análise de situacións das pemes.
CRONOGRAMA DE DATAS E RELACIÓN DE RELATORES POR TEMÁTICA
- 15 de outubro: Alexis Robles Hormigo, consultor, socio director de Innovaris, auditor dos Sistemas de Xestión de Calidade e Medio Ambiente segundo esquema IRCA e xestor dos Sistemas de Xestión de
- Calidade EOQ (European Organization for Quality) acreditado por ENAC (Entidade Nacional de Acreditación), examinará 'O Contexto: Estudo de mercado e análise de competencia'.
- 22 de outubro: Noemí Rodríguez González, técnica de proxectos de I+D+i e máster en Dirección e Planificación Turística, centrarase na 'Xestión de proxectos'.
- 29 de outubro: Liher Alonso Gómez, coordinador da Área de Consultoría de Innovaris, falará sobre a 'Xestión de Clientes', incidindo na análise de queixas e reclamacións e no control de indicadores de vendas.
- 3 de novembro: Alexis Robles proseguirá coa 'Prospección de clientes e o control de visitas a clientes'.
- 6 de novembro: Sergio Suárez, licenciado en Economía e coordinador da Área de Proxectos de I+D+i de Innovaris, abordará a definición da 'Estratexia empresarial: o plan estratéxico'.
- 12 de novembro: Alexis Robles continuará coa 'Estratexia empresarial: diagnóstico organizacional'.
- 19 de novembro: Enrique Fumero realizará a 'Análise da carteira de negocios' aplicando a matriz de crecemento do Boston Consulting Group.
- 26 de novembro: Sergio Suárez protagonizará a sesión de clausura, sobre 'Cuestións finais e recomendacións de futuro'.
Por último, Yoya Blanco sinala que as mentorías serán complementadas a través da plataforma dixital do Plan Reinicia Turismo, na que se ofrecerán diversas ferramentas e solucións concretas e individualizadas "para aplicar o recollido nas sesións e optimizar a súa xestión e competitividade".
Relacionadas:
-
Márketing e dixitalización protagonizan os novos cursos do Plan Reinicia
Por Redacción |
-
Vinte e oito empresas turísticas inician a segunda fase do Plan Reinicia Turismo
Por Redacción |
-
Promoción Económica retoma o seu plan para mellorar a competitividade das pemes turísticas
Por Redacción |
-
Adiada a decembro a exposición de fotografía do programa "Atende ao Teu"
Por Redacción |
-
Promocionan o comercio local pontevedrés cunhas xornadas fotográficas para nenos
Por Manu Otero |
-
O Plan Impulsa de #PonteLovers pon en marcha as súas reunións grupais
Por Redacción |
-
#PonteLovers riza o rizo para facer realidade, en formato streaming, unha nova edición do Salón de Barbería e Estética
Por Redacción |