Cuntis aproba establecer como festivos locais para o 2021 o día de San Xoán e o Día do Carme
Por Redacción
O Pleno do Concello de Cuntis aprobou este xoves os festivos locais para o ano 2021. Quedaron establecidos para o día 24 de xuño (San Xoán) e para o 17 de agosto (Día do Carme). As xornadas festivas, como explicou o alcalde, Manuel Campos, foron consensuadas previamente co comercio e a hostalería local.
No apartado de mocións debateuse unha proposta do Partido Popular para modificar a ordenanza fiscal do lixo que foi rexeitada co voto contrario do PSOE, mentres que Veciñanza optou pola abstención. O alcalde explicou que a ordenanza foi elaborada en base a un estudo detallado e que, en todo caso, poden darse situacións nas que haxa erros nos recibos que poden ser reclamados e axustados tras a súa revisión de terse certificado algún erro.
Veciñanza elevou unha proposta para debatir sobre o rei emérito e para esixir un referendo sobre o modelo de xefe de estado. A iniciativa quedou pendente de nova votación posto que se saldou con 2 votos a favor se Veciñanza, 2 en contra dos populares e a abstención do grupo socialista.
Veciñanza tamén presentou unha moción sobre o estado do Umia e outra sobre a recuperación dos pasos de Meira, que foron aprobadas por unanimidade. No primeiro caso o alcalde engadiu que o encoro "foi un auténtico desastre ecolóxico para a nosa zona e trasnformou un río natural nun espazo totalmente degradado". "O PP prometeu en múltiples ocasións zonas recreativas para o encoro, pero non se necesitan porque xa as había antes da creación do embalse".
Campos tamén aproveitou para solicitar "o compromiso real da Xunta de Galicia a través de investimentos no saneamento da conca dos ríos Gallo e Umia e para favorecer o control da cianobacteria", lembrando que "ata o momento todos os investimentos de sanemamento no Gallo e no Umia foron realizados pola Deputación ou polos propios concello sen que a Xunta fixese polo momento absolutamente nada".
En relación á proposta para a mellora dos Pasos de Meira, dende o Grupo Socialista o rexedor engadiu que ademais de actuar nestes bens é necesario ampliar a recuperación tamén aos Pasos de Nieto, así como formular actuacións na Ponte de Nieto e no Muíño de Nieto, tal e como solicitan os veciños dos lugares de Louriña e Meira. Trátase de actuacións que servirán para mellorar o paseo do Gallo e o Umia e que o Goberno se compromete a realizar en función da capacidade orzamentaria.
O alcalde tamén anunciou a licitación de obras de acondicionamento nas pasarelas urbanas do paseo, asegurando que son un recurso moi importante para o lecer da cidadanía que precisan un gran esforzo para o seu correcto mantemento.
Finalmente, no apartado de rogos e preguntas o alcalde reafirmou o compromiso do goberno para traballar na elaboración do PXOM. Nesta liña explicou que hai un ano se deu por cerrado o contrato coa anterior empresa e anunciou a próxima licitación dun novo contrato e a posta en marcha dun cronograma de traballo para a elaboración do PXOM que lle será trasladado aos diferentes grupos políticos.