Sanxenxo asegura o servizo de comedor escolar en dous colexios que non chegaban ao número mínimo de usuarios
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo garantirá o servizo de comedor en todos os centros educativos. O goberno local anuncia o acordo coa empresa de cátering Arelas para reforzar a atención do comedor con dúas monitoras municipais. Unha medida que asegura que nos colexios de Nantes e Telleiro, con 9 e 11 usuarios respectivamente, haxa servizo durante este curso.
A empresa só atendía aqueles centros nos que houbese un mínimo de quince comensais. Despois deste acordo, os colexios da Florida, Cruceiro, Nantes e Telleiro contarán con esta atención. Ademais nos dous nos que se superaba o mínimo de alumnos, a cociente da segunda monitora rebaixarase de 24 a 20 sen custo adicional para as familias, explican desde o Concello.
"A conciliación laboral e familiar é unha necesidade que non se debe deixar de atender en ningún caso. Agradecemos a disposición da empresa e, sobre todo, o esforzo e traballo das Anpas”, declara a concelleira de Educación, Paz Lago.
En canto aos outros dous centros municipais públicos, o CEIP Magaláns renunciou este ano ao servizo e o CEIP de Portonovo conta cun acordo coa empresa de cátering propio.
Doutra banda, as bibliotecas municipais de Sanxenxo e Portonovo reabrirán o vindeiro luns a sala infantil, servizo que se une ao servizo de préstamo e devolucións de libros que seguían prestando. Recuperan tamén con limitación de tempo, aforo e con cita previa os servizos da internet, lectura de prensa e consulta e lectura en sala.
En cambio, a biblioteca de Vilalonga manterá unicamente o servizo de préstamos e devolucións ao non poder garantirse a ventilación necesaria que marca o protocolo de seguridade anticovid.