O centro de formación da Reiboa conclúe a súa reforma interior e exterior
Por Redacción
Novas aulas e novos equipamentos. É a oferta que se vén de incorporar ao centro de formación da Reiboa, na zona da Seca, despois de que concluíran as obras de reforma interior e exterior das instalacións.
A actuación incluíu a instalación dun ascensor, a adaptación dos aseos á normativa vixente en termos de mobilidade e accesibilidade, a dotación dunha aula de informática, pavimentación na zona de acceso e instalación dunha rede de augas pluviais, entre outros traballos.
Ademais, pintouse e arranxouse a fachada e apostouse pola instalación de luminaria eficiente, o que axudará a reducir de xeito drástico o consumo eléctrico ao utilizar lámpadas LED.
O concelleiro de Promoción económica, Gregorio Agís, explicou que esta reforma "servirá para mellorar o servizo que se presta á veciñanza e a comodidade tanto dos usuarios das iniciativas que se desenvolven aquí como para o persoal".
Neste centro, entre outros programas, é onde realiza o seu labor o Programa Integrado de Emprego (PIE) de Poio, e onde se levan a cabo durante todo o ano diferentes cursos e obradoiros de carácter formativo ou de orientación laboral.
As obras foron executadas por persoal municipal. Debido á complexidade da actuación a nivel global, os traballos prolongáronse durante varios meses, aos que houbo que engadir a paralización de actividade provocada polo estado de alarma durante a expansión da covid-19.
Á hora de reordenar as aulas tamén se tiveron en conta as pautas de seguridade, aforo e distanciamento determinadas polas autoridades sanitarias.
Relacionadas:
-
Poio impulsa un espazo para emprendedores no centro de formación da Reiboa
Por Redacción |
-
A Reiboa de Poio rehabilitará o Galeón 'Luisa III' con 5.000 euros de axuda da Deputación
Por Redacción |
-
Poio mellorará a busca de emprego a través da súa web
Por Redacción |
-
O Programa Integrado de Emprego impulsa novos cursos e actividades de formación
Por Redacción |