Sufocan un conato de incendio no camarote dun barco no peirao de Praceres
Por Natalia Puga
Bombeiros de Pontevedra e O Morrazo sufocaron na mañá deste mércores un conato de incendio que se iniciara no camarote dun barco que estaba a esperar para ser reparado no peirao Dos praceres.
Todo aconteceu arredor das 10.45 horas. O barco en cuestión, o Stella Maris, está situado no peirao pegado de costado a outro barco no que se están a realizar reparacións. En concreto, nesa outra embarcación estábanse a cortar e soldaban chapas e as faíscas xeradas por esa actividade saltaron ao Stella Maris, entraron polo ventanuco dun camarote e prenderon lume.
Segundo indicaron os Bombeiros de Pontevedra, no interior do camarote había mantas e un colchón e a parede estaba forrada de madeira. Empezou a arder e xerouse un conato de incendio, pero non se expandiu ao resto do barco porque as persoas que estaban a traballar no barco contiguo viron saír fume e deron a alerta ao 112.
Inmediatamente, desprazáronse ao lugar axentes das policías Local, Nacional e Portuaria e a Garda Civil, así como efectivos dos bombeiros de Pontevedra e O Morrazo, un amplo dispositivo de medios que permitiu actuar con rapidez e extinguir as lapas antes mesmo de que o conato se convertese nun incendio de grandes dimensións.
O lume non pasou ao resto do barco e, segundo os bombeiros, houbo que extinguir, refrixerar os fumes e poucas xestións máis. Si estiveron bastante tempo no lugar para asegurarse de que o resto do barco estaba en perfecto estado.
Fontes da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra indicaron que o Stella Maris levaba bastante tempo abandoado no peirao, pero foi subastado hai uns meses e o novo propietario trasladouno á zona dos peiraos dos Praceres nas que estaba este mércores para proceder á súa reparación.
As tarefas non empezaran, pero a intención si é reparalo e volver poñelo a faenar. Segundo os danos que viron os bombeiros, esta reparación poderá seguir o seu curso sen problemas, pois o único afectado foi o camarote que xa necesitaba unha intervención antes do lume polo seu estado de abandono.