Galicia reforzou as medidas de apoio ás vítimas de violencia de xénero durante a pandemia
Por Redacción
A pandemia da Covid-19 e o novo escenario sanitario, social e económico están a provocar unha situación de vulnerabilidade engadida ás vítimas de violencia de xénero.
Durante a emerxencia sanitaria, a Xunta de Galicia redobrou esforzos para que todas as vítimas de violencia de xénero tivesen a cobertura necesaria. Neste sentido, o Goberno autonómico puxo en marcha o ‘Plan de reforzo da atención das vítimas da violencia machista’ a través de accións prioritarias como o mantemento da operatividade dos servizos de asistencia e apoio a disposición das vítimas, o reforzo da rede de centros de acollida e a ampliación do bono de alugueiro social. Todas estas medidas apoiadas a través dunha campaña institucional para facer accesible a información sobre estes recursos e servizos a todas as posibles persoas usuarias.
SERVIZOS DE APOIO OPERATIVOS
No tempo do confinamento, a Xunta puxo en marcha un Plan que asegurase que todas as coberturas asistenciais ás vítimas de violencia de xénero mantivesen as súas actuacións. Estes servizos abranguen unha ampla operativa: o teléfono de atención da Xunta de Galicia 900 400273 dispoñible as 24 horas do día; asesoramento xurídico online; apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como en sesións telemáticas; apoio psicolóxico específico para vítimas de violencia sexual; quenda de garda psicolóxica permanente, tanto para atención nos momentos iniciais de presentación da denuncia como para apoio en sede xudicial; seguimento das vítimas dende o Punto de Coordinación das Ordes de Protección; apoio psicolóxico e social nas Oficinas de Atención ás Vítimas en sede xudicial; outros servizos de carácter administrativo e de xestión de axudas económicas, operativos online, por teléfono e por correo electrónico; o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero e o Centro de Emerxencia radicado en Vigo.
COBERTURA DOS CENTROS DE ACOLLIDA
A crise sanitaria demandou unha resposta rápida da Xunta para que ningunha muller nin menores ao seu cargo vítimas de violencia de xénero quedasen desprotexidos. Neste senso, foi prioritario o reforzo da rede de centros de acollida a través de diversas medidas: mantemento da operatividade dos Centros de titularidade municipal, das ONG´s e das entidades sociais para acoller a mulleres; posta en marcha de recursos alternativos para ampliar a cobertura, a través de habilitación de albergues, hostais e pensións, dotados de persoal especializado na atención ás vítimas; e ampliación do Servizo de traslado de vítimas a centros de acollida, que a Xunta presta en colaboración con Fegataxi, a outro tipo de traslados inescusables que necesitasen estas mulleres durante o estado de alarma.
MEDIDAS ECONÓMICAS
Ademais do apoio psicolóxico e social, desde o Goberno autonómico contempláronse actuacións para mitigar o impacto económico que a crise sanitaria tivo sobre as vítimas. A principal medida foi a ampliación do Bono de aluguer social que a administración galega ten ao dispor das vítimas de violencia de xénero, de tal xeito que a Xunta está a asumir o pago do 100% do aluguer.
BALANCE DO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2020
No referente ás actuacións realizadas, a Xunta concedeu durante o primeiro semestre deste ano 2020 axudas económicas a 505 mulleres vítimas de violencia machista, o que supón un aumento do 27,5% respecto ao período anterior.
A atención directa tamén reflicte este esforzo do Goberno galego en dar cobertura ás vítimas de violencia de xénero. Neste senso, o teléfono de información á muller recibiu 1.842 consultas (un 35% de incremento sobre o ano pasado); os 82 Centros de Información á Muller que hai en Galicia atenderon 5.465 consultas (un 16,6% máis ca en 2019); o programa de atención psicolóxica a mulleres vítimas dá violencia de xénero, aos seus fillos e persoas dependentes ao seu cargo atendeu a 624 persoas no primeiro semestre (32 persoas menos que no ano anterior); e nas casas de acollida aloxáronse sucesiva e temporalmente 142 persoas (78 mulleres e 64 menores) cunha diminución dun 13,4% con respecto ao mesmo período do ano pasado.
Este reforzo nas medidas de apoio e atención ás vítimas demandou un aumento do investimento en varios eidos. De tal xeito que a Xunta ampliou o orzamento en 485.000 euros da orde de axudas para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero destinadas aos concellos ata superar os 1,8 millóns de euros no marco dos fondos para desenvolver en Galicia as medidas recollidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero; ampliación das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, cun incremento de 343.368 euros, superando os 2,1 millóns de euros de investimento total; e aumento do orzamento das axudas de pago único destinadas á atención das vítimas de violencia de xénero en 600.000 euros.