O Grove investirá máis de 98.000 euros en medidas de aforro enerxético
Por Redacción
O Concello do Grove poñerá en marcha nas próximas semanas un importantísimo plan de aforro enerxético que terá unha repercusión moi positiva no gasto que se realiza.
A mellora da eficiencia enerxética centrarase nos coñecidos bombeos da rede de subministración que son, hoxe por hoxe, unha das áreas que consomen máis enerxía e supón, ademais, unha mellora no relativo ao abastecemento, algo que no Grove presentaba carencias acumuladas durante décadas de abandono.
Os bombeos nos que se actuará serán os do Corgo, o de Terra de Porto, o do Porto de Meloxo, o de Pedras Negras, o de Raeiros, o situado nas inmediacións do Pirata en San Vicente, en Montemar, na praia de Area Grande e na praia de Area das Pipas.
O custo da intervención en cada un deles oscila entre os 8.000 e os 12.000 euros e a subvención conseguida do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, cobre o 80% cunha achega de 78.506 euros.
A Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos, proporcionará 9.813 euros, a mesma cantidade que achegará o Concello dende os seus orzamentos municipais.
O Concello do Grove destaca a importancia desta intervención que, a pesar de non ser visible de forma externa, implica unha mellora cualitativa tanto na rede de abastecemento como no aforro de gastos do municipio.