Poio terá unha Mesa de Defensa dos Dereitos Sanitarios do concello
Por Oskar Viéitez
O Pleno da Corporación aprobou, co voto a favor de todos os grupos, unha moción impulsada polo Goberno municipal, en defensa dunha atención sanitaria digna para Poio. Grazas a este acordo, o Concello constitúe a "Mesa de Defensa dos Dereitos Sanitarios do concello de Poio", unha entidade que estará presidida polo alcalde, Luciano Sobral, en calidade de voceiro.
Entre os obxectivos que busca, inclúese esixir á Consellería de Sanidade a construción dun novo Centro de Saúde na vila, á vez que se manteñen operativos os consultorios de Raxó e Combarro.
Tal e como salienta a moción elaborada polo BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio, a situación sanitaria no municipio "hai décadas que vén sendo insuficiente, con apenas tres consultorios desbordados, que presentan graves carencias estruturais no que a instalación e dotación de profesionais e medios materiais se refire".
Unha vez constituída esta mesa, o seguinte paso a dar será acordar o calendario de accións e mobilizacións para reclamar unha atención sanitaria digna. Ademais, procederase a impulsar unha campaña informativa, para "trasladar á Plataforma da Sanidade en Poio, aos colectivos sociais e á veciñanza en xeral o estado da situación da sanidade no noso concello".
A través desta mesa, insistiráselle ao Sergas para que dea resposta ás consultas realizadas ata o momento pola Administración local para obter "información detallada de cal é a situación da cobertura de baixas e permisos do persoal de Atención Primaria no noso municipio". Outra esixencia que se lle traslada ao departamento autonómico é a restitución da atención médica presencial, de xeito que se reserve a atención telefónica "para a xestión daquelas cuestións vencelladas directamente coa pandemia da Covid-19".
O Concello tamén aposta por sumarse ás mobilizacións e demandas da Plataforma SOS Sanidade Pública Galega contra as limitacións de acceso á Atención Primaria.
O Goberno local ten claro que a crise sanitaria derivada da Covid-19 "deixou en evidencia as fraquezas e carencias da xestión do sistema sanitario, consecuencia do proceso de desmantelamento e as políticas de recortes levadas a cabo pola Xunta de Galicia".
Relacionadas:
-
A Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios convoca unha reunión para o martes
Por Redacción |
-
O PP apoia a proposta da confraría de crear aparcamento no consultorio médico de Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio asume a reparación de deficiencias en Anafáns pola inacción de Sanidade
Por Redacción |