Baixan os casos positivos de covid-19 en toda a comarca de Pontevedra pero soben en Arousa
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Sanidade e a xerencia da área sanitaria mantiveron este martes unha videoconferencia cos alcades de Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Vilaboa para analizar a evolución da Covid.
No encontro informaron que os datos de Pontevedra, a día de hoxe, son de 361 casos positivos. Son 12 menos ca onte luns, continuando a liña descendente dos últimos días.
Tamén confirmou Sanidade que o Recinto Feiral empregarase para probas PCR a partir deste xoves, 1 de outubro. Na actualidade, na área sanitaria estanse a facer arredor de 750 probas diarias.
No concello de Poio hai este martes 54 infectados (4 menos ca onte) e 123 persoas en seguimento.
Sanxenxo conta nestes momentos con 36 casos activos por Covid 19, sete máis que o pasado xoves 24. O municipio segue sen restriccións.
En Marín, segundo os datos facilitados polas autoridades sanitarias, os casos activos a día de hoxe son 62 (catro menos que onte) e está a facerse un seguimento estreito a 80 contactos.
Este mércores será o Comité Clínico de Expertos autonómico quen decida se, dados os datos actualizados, se manteñen as actuais restricións ou se produce algún cambio nas restriccións vixentes. Lembremos que, polo menos de momento, segue activa a redución do 50% dos aforos (75% no caso das terrazas), o máximo de 10 persoas nas reunións privadas, entre outras medidas.
VILAGARCÍA
O Concello de Vilagarcía volveu a subir este martes a 68 contaxios, despois de baixar onte 2, segundo informou hoxe a Área Sanitaria ao alcalde, Roberto Varela. Segundo as mesmas fontes, eses novos contaxios están relacionados con anteriores infectados, aos que se lles fixo un rastrexo do seu círculo social. Nestes momentos, dos 68 contaxios 3 están ingresados no hospital, pero en planta, non na UCI.
Por outra banda, dende o Sergas se puxeron en contacto co alcalde, pero tamén na súa calidade de presidente da Fegamp, para anunciarlle que a partir de agora todos os mércores e venres Sanidade fará chegar á federación de municipios un listado coa incidencia da covid en todos os concellos de Galicia. Non será cos datos exactos de cada municipio, senón situándoos en varios tramos, de xeito que se poderá establecer en que grao de afectación se atopa cada un.
Alberto Varela, alcalde e presidente da Fegamp, valorou positivamente este cambio de actitude da Xunta porque aínda non sendo exactamente o que reclamaban os alcaldes insistentemente –a última vez, este domingo, a Mancomunidade do Salnés-, polo menos axudará a facerse unha composición de lugar sobre a evolución da pandemia e, en consecuencia, permitirá aos concellos colaborar doutra maneira, e mellor, coas autoridades sanitarias, que é o que veñen reclamando dende hai moito tempo.
O concello de Vilanova de Arousa mantén os mesmos 20 casos positivos que tiña onte.