As familias da Lama recollen 250 sinaturas para demandar a Sanidade que repoña o pediatra
Por Redacción
Membros da Asociación de Nais e Pais do CEIP da Lama levan recollidas máis de 250 sinaturas para esixirlle á Consellería de Sanidade a reposición do servizo de pediatría no centro de saúde da localidade.
No escrito que acompaña ás sinaturas, amosan a súa preocupación polo momento actual, pois o centro de saúde non ten pediatra xusto no momento no que se está producindo o regreso aos centros escolares, tanto ao CEIP como ao instituto compartido de Ponte Caldelas.
Relatan tamén que hai graves problemas para que os menores sexan derivados aos médicos de atención primaria, xa que un está de baixa e o outro de vacacións, co que se ven obrigados a desprazarse ata o Servizo de Urxencias de Hospital Provincial, en Pontevedra.
O escrito indica que agora que acaban de poñer en marcha un protocolo nos centro de ensino para que ante a detección de síntomas compatibles co virus da Covid-19 non se envíen aos rapaces aos colexios e se poñan en contacto cos centros de saúde, na Lama non teñen servizo de pediatría e hai unha "desasistencia total" en canto a médicos de atención primaria.
A ANPA insta á Consellería de Sanidade a solucionar con urxencia este problema que, segundo manifestan, "redunda moi negativamente" na atención sanitaria á poboación que reside no rural e que se ve desasistida ante momentos de especial preocupación polo aumento de casos de Covid-19 na área sanitaria.
As persoas asinantes consideran que se está tratando dun xeito discriminatorio aos nenos e nenas do rural en xeral e especialmente aos da Lama porque "xa bastantes dificultades teñen de acceso a unha serie de servizos aos que poden sin problema os que residen en zonas urbanas que aínda agora tamén se ven privados dos servizos mínimos sanitarios".
Na mesma reivindicación os membros da comunidade escolar aseguran que no medio do repunte da pandemia na área sanitaria de Pontevedra, á que pertence A Lama, a poboación atópase desasistida pola falla de facultativos que, ben están de baixa ou de vacacións, e non son substituídos nos seus postos de atención primaria.
Relacionadas:
-
A Lama esixe un pediatra: "Feijóo, igual que ti queres o mellor para o teu fillo, nós tamén o queremos para os nosos"
Por Redacción |
-
Pais e nais da Lama esixirán na rúa que volva o pediatra ao centro de saúde
Por Redacción |
-
O PP sumase a veciñanza de Barro para esixir ao Sergas o servizo de Pediatría
Por Oskar Viéitez |