Cando o papel se converte nunha xoia
Por Redacción
Patricia Maquieira é unha pontevedresa que desborda creatividade polos catro costados. O seu talento estivo presente nos escaparates de distintos comercios da provincia, pois Patricia domina esa arte de presentar de forma axeitada os artigos que ten á venda un establecemento no seu escaparate.
Un conxunto de técnicas de deseño e montaxe dos escaparates que aplica directamente e tamén ensina a particulares, estudantes de moda e deseño de interiores. Froito deste traballo "facendo un taller con papel de xornal" descubriu un nova faceta creativa: o deseño de xoias de papel.
"Primeiro realizamos tanto cestas de papel e pratos como centros de mesa, e pouco a pouco funme afeccionando a facer máis e máis, ata que os facía na casa probando diferentes formas, tamaños, estilos," comenta.
Non se trata exactamente de converter a papiroflexia nunha xoia, nin tampouco é unha evolución do origami, esa técnica de orixe xaponesa consistente na pregadura de papel sen usar tesoiras nin pegamento para obter figuras de formas variadas. Patricia explica que "o origami tamén é algo que me gusta, teño feito moitas cousas, pero é unha arte moi distinta a esta, pódese dicir que o que eu fago se basea no papel enrolado, mentres que o origami se basea na pregadura".
Para conseguir que un material tan fráxil como o papel resista sen deteriorarse cos golpes ou a auga, a deseñadora pontevedresa o enrrolla sobre si mesmo e xa vai collendo bastante dureza, ademais cada peza leva unha base fina de cola, e un rematado de verniz ou pintura que o protexe de axentes externos".
Así vai deseñando todo tipo de xoias "dende diademas e broches a colares, pendentes e aneis" que pouco a pouco imos descubrindo polas rúas, ao igual que sucedía cos seus escaparates.
Para este sábado 31 Patricia Maquieira esta preparando un desfile da súa colección. Será ás 21:00 horas no paseo de Montero Ríos, número 7, en Vigo. No pub El Consulado.