A Garda Civil recupera nunha nave os 145.750 paquetes de tabaco roubados no camión de Vilaboa
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra logrou recuperar o camión e o tabaco substraídos a primeira hora da mañá deste martes en Vilaboa cando levaba unha carga de 145.750 paquetes valorados en máis de 530.000 euros. Segue en marcha o operativo de busca para localizar os catro encapuchados autores do violento asalto.
Os feitos sucederon ás 9.40 horas cando un camión da empresa Logista S.A. circulaba pola estrada a N-550, a escasa distancia da sede da compañía na parroquia de Bértola, en Vilaboa. Non é a primeira ocasión en que un camión desta firma sofre un roubo e a propia nave vilaboense foi obxecto de catro en tres meses no ano 2005, un deles con retención dos empregados dentro das instalacións.
Os ocupantes de dous vehículos cruzáronse na vía diante do camión, abordaron os transportistas e obrigáronos a saír do vehículo. A continuación, apoderáronse do camión, que levaba a mercadoría repartida en 265 caixas de distintas marcas de tabaco louro e negro, e fuxíronse.
As vítimas puideron avisaron á Garda Civil e axiña se estableceu un dispositivo de seguridade integrado por varias patrullas da Comandancia de Pontevedra. O operativo consistiu no peche do paso aos asaltantes para impedir que se fuxisen.
Froito do despregamento de medios do Instituto Armado, impediuse que o camión abandonase os concellos limítrofes. De feito, o camión foi localizado pouco máis de media hora despois do asalto, ás 10.15 horas. Os autores do roubo abandonárano no cruzamento do Viso (Redondela), nas inmediacións de Arcade, no Concello de Soutomaior.
A raíz das investigacións levadas a cabo por efectivos da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia de Pontevedra, ás poucas horas se puido localizar e recuperar a totalidade do tabaco subtraído. Estaba nunha nave aparentemente abandonada nas proximidades da mesma localidade de Arcade.
No interior da mesma nave encontrábase tamén un dos turismos que utilizaran os autores do roubo, concretamente un Seat-León que figuraba subtraído dende a madrugada do día anterior en Vigo. O outro coche tamén fora roubado previamente ao asalto, pero non transcendeu onde nin puido ser recuperado. A hipótese que se manexa é que o utilizaron os autores de roubo para evadir o cerco policial.
A Garda Civil continúa as investigacións para localizar os supostos autores, aos que se lles considera perfectamente coñecedores do ámbito no que se desenvolveron o roubo e ocultación da mercadoría pola axilidade coa que perpetraron o asalto e posterior fuxida.