A Covid-19 dá un pequeno respiro de contaxios a Pontevedra e Marín
Por Natalia Puga
A expansión da Covid-19 está dando un pequeno respiro a localidades como Pontevedra e Marín cando xa acumulan máis de dúas semanas como zonas con restricións especiais pola elevada incidencia de casos.
Este luns, no Concello de Pontevedra hai 373 casos activos. Descoñécese o número total de novos positivos ou altas de pacientes nas últimas 24 horas, pero os datos facilitados pola Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés ao goberno local si confirman que hai 11 casos activos menos con respecto a este domingo. Cabe lembrar que xa durante a fin de semana, entre o sábado e o domingo, os casos baixaron en 20.
En Marín, a baixada é menos acusada, pero igualmente significativa para a súa poboación e casos activos. A Consellería de Sanidade informa de 66 casos este luns, o que supón dous casos menos que o domingo.
No caso de Poio, segundo datos da Xerencia, mantense a cifra de 58 infectados por Covid-19. Neste municipio, durante a fin de semana baixaran os casos, con seis menos entre sábado e domingo.
En Vilagarcía, os contaxios tamén baixaron, con dous casos menos que sitúan o balance deste luns en 66 casos activos. É a primeira vez que o número baixa dende que se adoptaron as novas restricións, o mércores pasado.
En Vilanova de Arousa, pola contra, detectouse un incremento, en concreto, de dous novos casos.