Tres novos establecementos hostaleiros sancionados na zona vella de Pontevedra por incumprir as normas anticovid
Por Manu Otero
Os casos activos de Covid-19 seguen crecendo sen control e Pontevedra sitúase ás portas do confinamento. Aínda así, séguense producindo situacións de incumprimento das normas para previr novos contagios e limitar a transmisión da enfermidade. Esta fin de semana, axentes da Policía Local interviñeron en tres locais de hostalería da zona vella pontevedresa para sancionalos.
Unha destas actuacións tivo lugar nun establecemento no que se estaba celebrando unha festa de aniversario privada. Estes actos están prohibidos actualmente e a Policía Local puido constatar que no seu interior, as persoas non levaban máscara nin respectaban a distancia de seguridade.
Ademais, multaron tamén aos propietarios doutros dous locais por manterse aberto máis aló do horario límite da unha da madrugada e a outro por ter clientes no seu interior consumindo bebidas a porta pechada.
Doutra banda, os axentes sancionaron tamén a dez persoas despois de disolver un botellón na rúa Urbano Lugris.
Desde o goberno censuran este tipo de actuacións incívicas e piden un comportamento responsable á cidadanía. "Preocúpanos chegar a esa situación dun posible confinamento. Facer unha festa privada non só pon en risco a saúde e a vida de persoas, tamén pode empeorar a situación epidemiolóxica e pode facer que a situación económica de moitos negocios empeore", declarou a portavoz do goberno local, Carme da Silva, moi preocupada por este tipo de actitudes dunha parte da poboación.
Estes expedientes foron trasladados xa á Xunta de Galicia e tamén á Subdelegación do Goberno, que serán os encargados de establecer a contía dunha sanción que "son moi elevadas", remarca a concelleira.
Puntualizan tamén desde o Concello que ningunha empresa do sector é reincidente, motivo polo cal non fan públicos os nomes dos locais que están a incumprir a norma, "do mesmo modo que tampouco facemos público o nome das persoas sancionadas por non levar máscara", argumenta da Silva, quen comunica que o número de sancións por este caso ascende a 125 desde que o seu uso é obrigatorio.
En relación coa pandemia da Covid-19, lembran desde o goberno local a todos aqueles pontevedreses afectados pola enfermidade que teñen á súa disposición un servizo gratuíto de recollida do lixo na porta de casa para facilitar a corentena dos veciños afectados. Os interesados só teñen que contactar co Concello ou a Policía Local para que un operario acuda a diario aos seus fogares para recoller a bolsa do lixo.