Os casos activos de Covid-19 baixan na área sanitaria por primeira vez en máis dun mes
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este luns 28 de setembro un total de 811 casos activos de coronavirus. A cifra supón un descenso de 15 casos con respecto aos datos do domingo. É a primeira xornada en máis dun mes, desde o pasado 20 de agosto, cunha baixada da incidencia da Covid-19.
A pesar desa vertente positiva da evolución da pandemia na área sanitaria, cabe indicar que na última xornada si houbo novos pacientes con resultado positivo. En concreto, contabilizáronse 21 novos contaxios, pero deuse un número maior de altas a pacientes, 36, por iso é polo que o total de casos activos baixase.
Como dato negativo, ademais, este luns aumentou a presión asistencial. En concreto, hai 22 pacientes ingresados na área sanitaria, dos que cinco se atopan na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.
Ademais, hai 17 pacientes ingresados en planta de hospitalización, 13 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 2 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 2 no Hospital do Salnés.
O resto de pacientes con resultado positivo, 789, están en seguimento domiciliario.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 1.293 pacientes, 36 nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 19 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas realizáronse 748, que se engaden ás 40.916 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés .
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.353, 79 menos que na xornada o domingo, cando se contabilizaban 4.432.
Pontevedra continúa como a segunda área sanitaria con máis casos activos. A primeira é A Coruña, con 999. A estes datos hai que sumar 552 da de Lugo, 743 da de Ourense, 512 da área de Vigo, 583 da de Santiago, e 153 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 210 en unidades de hospitalización e 4.111 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 18.534 persoas curadas, rexistrándose 731 falecementos. A última persoa falecida nun centro hospitalario foi un home de 61 anos, que estaba ingresado no HULA, e presentaba patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 469.694.
Relacionadas:
-
A área sanitaria segue freando a curva: mantén 22 pacientes ingresados e 18 casos activos menos
Por Natalia Puga |
-
A Covid-19 dá un pequeno respiro de contaxios a Pontevedra e Marín
Por Natalia Puga |
-
A Covid-19, por concellos: dos 0 casos de Cuntis aos 384 de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
A área sanitaria alcanza os 826 casos activos de Covid-19, tras sumar 27 novos positivos nun día
Por Natalia Puga |