Poio reforzará a sinalización na avenida da Seara para responder á demanda veciñal de maior seguridade vial
Por Redacción
O Concello de Poio anunciou esta fin de semana que prevé reforzar a sinalización na avenida da Seara, na parroquia de San Xoán, para responder a varias peticións realizadas pola poboación da contorna para que se mellore a seguridade viaria na zona.
Esta cuestión será abordada na Comisión de Urbanismo prevista para o vindeiro martes, na que a proposta municipal será reforzar a sinalización vertical e horizontal no tramo desta avenida no que actualmente se están a cometer obras de mellora.
Trátase de medidas que, en principio, permanecerán vixentes durante o tempo que se prolonguen estes traballos.
O goberno local opta por esta sinalización tendo en conta un informe da Policía Local de Poio, que recolle que a dotación de sinalización é a opción máis viable para mellorar a seguridade e limitar a velocidade dos vehículos que transitan por esta zona.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, adianta que se valorará adoptar outras medidas complementarias, como controis mediante o uso de radar.
Esta fórmula estúdase a raíz dunha pregunta formulada polo Partido Popular na última Comisión de Urbanismo, na que facía mención ao tránsito dalgúns automóbiles pola zona a gran velocidade e mesmo por tramos de dirección prohibida. Ante esta achega, valorarase a utilización do radar, a maiores da actuación a impulsar con motivo das peticións veciñais.