Cerdedo-Cotobade impulsará a promoción turística do San Xusto, A Freixa, os Petróglifos e a ruta Cabenca-Cavadosa
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai impulsar, dende este outono, os valores turísticos dos Baños do San Xusto, as Augas da Freixa e a súa nova senda, os Petróglifos do Lérez e a ruta Cabenca-Cavadosa no marco da quinta edición das Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais 'Cuspedriños10', nas que colabora, como en anos anteriores, a Axencia Turismo de Galicia da Xunta.
Desta volta, e dada a situación de crise sanitaria pola Covid-19 que recomenda evitar as congregacións multitudinarias de xente, o Concello optou por reforzar as tarefas de promoción coa elaboración de materiais informativos e audiovisuais, que ademais considéranse de grande interese para dar a coñecer uns produtos turísticos emprazados ao aire libre e no medio natural que están a ter gran demanda pola pandemia e nos que confían que vaian a máis dende o presente outono.
Así, o proxecto de 'Cuspedriños10', que quedará rematado en vindeiras datas para comezar coa súa difusión e distribución, contempla a elaboración de senllos folletos informativos da nova senda das Augas da Freixa, unha zona termal arranxada hai pouco polo Concello similar ao San Xusto emprazada en Dorna (Santa María de Sacos), e dos Petróglifos do Lérez, de gran valor patrimonial e que se localizan entre as dúas parroquias de Sacos.
Tamén teñen prevista a elaboración dun microvídeo, en formato para redes sociais e plataformas de Internet, da ruta Cabenca-Cavadosa, un percorrido de 14 quilómetros situado ao pé do Monte Seixo, no territorio de Cerdedo. Este camiño, que vén de ser mellorado recentemente polo Concello con barandas de seguridade, cancelas e sinalización, ten cada vez máis sendeiristas pola súa gran beleza e por contar con iconas de interese paisaxístico e natural como o Pozo Sanguento ou a Fervenza da Cavadosa.
Finalmente, os derradeiros materiais corresponderán cos Baños do San Xusto, que se atopan actualmente na fase final da súa rehabilitación para converterse nun complexo termal con balneario, saunas, e pozas públicas ao aire libre. Así, van elaborar material escolar, ao modo de unidade didáctica, para dar a coñecer a súa historia de xeito lúdico entre os cativos e tamén van gravar e editar un pequeno traballo audiovisual sobre o proxecto de restauración para que vaia sendo coñecido entre a veciñanza e os potenciais visitantes antes de que se produza a súa apertura en 2021.