Mercadona e a firma de conxelados Xesnova Global asentaranse no polígono de Nantes
Por Redacción
Dúas compañías do sector da alimentación instalaranse nos próximos meses no polígono empresarial de Nantes, en Sanxenxo. Trátase de Mercadona e de Xesnova Global, empresa experta no comercio e distribución de produtos do mar conxelados.
O Concello confirmou que Xesnova Global recibiu esta mesma semana licencia para construír a súa nave en catro parcelas que suman unha superficie de 4.500 metros cadrados.
A empresa, especializada en especies peláxicas, conta con produtores e provedores de España, Italia, Croacia, Portugal, Marrocos, Tunes, Alxeria, Grecia, Francia, Turquía, Mauritania e Inglaterra.
Na mesma situación atópase Mercadona, que reforzará a súa presenza en Sanxenxo nunha superficie de 9.500 metros cadrados, repartidos en oito parcelas situadas nunha das principais entradas e saídas do parque empresarial.
A nova tenda de alimentación, segundo o goberno municipal, abrirá co novo modelo de tenda eficiente que presenta novidades en todas as seccións e melloras tanto a nivel ambiental como tecnolóxico e de servizo.
A firma elixiu un modelo totalmente diferente para asentarse no parque empresarial de Sanxenxo con novas cores e materiais e con amplos espazos diáfanos que facilitarán a entrada de luz natural.
A instalación destas dúas empresas no parque empresarial supón, destaca o Concello, a consolidación do desenvolvemento do parque empresarial e a xeración de emprego directo e indirecto.
Estas dúas firmas de alimentación sumaranse a Eroski, Inelsa, Carpiglob e Maderas Villanueva, que xa están en activo, e A Illa, Andeona Solucións S.L. e Excavaciones Dopesa que están en distintas fases de tramitación e construción.
O parque empresarial conta con 243 parcelas, das cales 20 son municipais e os 223 restantes son para actividades de distinto tipo tanto comercial como industrial.
Na actualidade, as parcelas con licenza ou en tramitación ocupan 52.500 metros cadrados do total dos 355.018 metros cadrados dispoñibles para actividade industrial ou comercial.
Relacionadas:
-
Urbanismo dá luz verde á edificación dun novo tanatorio de San Marcos no parque empresarial de Nantes
Por Redacción |
-
Unha empresa de baterías para aeronaves traslada a súa sede de Canadá a Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sete novas empresas confirman que se asentarán no parque empresarial de Nantes
Por Redacción |
-
Sanxenxo habilita un circuíto para bicicletas e peóns nunha zona verde do polígono de Nantes
Por Redacción |
-
Unha trintena de parcelas do polígono de Nantes xa tramitan as súas licenzas
Por Redacción |