Pontevedra proporá unir a senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde ata Arcade
Por Redacción
Unir a senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde entre Pontevedra, Ponte Sampaio e Arcade a través da antiga ponte ferroviaria sobre o Lérez, a Ruta Xacobea e outros camiños preexistentes empregados polos ciclistas. É a proposta do Concello de Pontevedra.
Así llo trasladaron os edís de Medio Natural e Educación, Iván Puentes e Tino Fernández, a Quique Pérez, voceiro da asociación ciclista Pedaladas, na xuntanza que os tres mantiveron este venres nas dependencias municipais de Michelena 30.
Puentes explicou que salvo no treito da Portela (no concello de Barro), entre Portas e Pontevedra, "non hai practicamente ningunha zona de vía vella de ferrocarril que estea en desuso", pero considera que si hai camiños que se poden empregar.
Así, citou expresamente o Camiño de Santiago, camiños forestais ou vías e infraestruturas preexistentes, a través das que é posible chegar ata Pontevedra e conectar coa anhelada senda verde ata Ponte Sampaio e Arcade, a partir da recuperación da antiga ponte do ferrocarril entre Lérez e Monte Porreiro, que o ADIF xa cedeu a Concello.
Para este proxecto, o goberno municipal quere contar coa colaboración de Pedaladas e, segundo traslada o Concello, o colectivo comprometeuse a trazar un bosquexo das rutas que permitirían salvar os aproximadamente 17 quilómetros que separan Portas de Pontevedra.
"Xa que eles coñecen perfectamente todas as trazas de camiños antigos, pedímoslle a Pedaladas que nos axude cunha proposta que sexa asumible para o tráfico ciclista e peonil", explicou o responsable de Medio Natural.
Quique Pérez amosouse "contento" de que se vaian dar os primeiros pasos de cara a destinar a vella ponte do tren de Monte Porreiro a tránsito peonil e ciclista e que tamén se pense na conexión entre Portas e Pontevedra, xa que "a pesar de ser un tramo pequeno, converterase nun elemento básico para facer unha futura vía verde entre Vilagarcía e Vigo".
A este respecto, ademais, o Concello xa solicitou encontros con Renfe e ADIF en Madrid desbloquear a cesión das vías do ferrocarril para poñer en marcha o proxecto de creación dunha senda verde ciclista e peonil entre Pontevedra e Arcade.
APARCABICIS NOS COLEXIOS
Durante este encontro, tamén se tratou a proposta de dotar aos centros escolares de Primaria do municipio de aparcadoiros de bicicletas, unha demanda da comunidade educativa que xa era moi importante, pero que ante as dificultades dos protocolos motivados pola pandemia este ano se acentuou aínda máis.
A concellería de Educación porá a disposición das direccións dos colexios nos vindeiros días a posibilidade de instalar eses estacionamentos para bicicletas.
"Deste xeito aqueles que queiran poderán levar aos fillos en bicicleta ata o colexio, facendo deporte cun medio de transporte sostible e, ao mesmo tempo, poderán deixar as bicicletas no propio centro ata a hora de saída con total seguridade, recollelas e volver para casa nelas", explicou Tino Fernández.