O PP denuncia o "absoluto abandono" do acceso ao colexio de Salcedo e esixe que se reparen as fochancas
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular reclama ao Concello de Pontevedra o "arranxo inmediato" da estrada que sube ao colexio de Cabanas, unha das vías máis transitadas da parroquia de Salcedo, e da que din que se atopa "nun estado de absoluto abandono".
Os concelleiros María José Rodríguez, Ana Isabel Vázquez e Pablo Fernández visitaron este martes a parroquia acompañados dun grupo de veciños e constataron o "lamentable estado" desta vía. Aseguran que os residente na zona lles indicaron que "a gran multitude de fochas provocou que xa se produciran moitos rebentóns de rodas nos vehículos".
"O Concello ten que asfaltar a vía de xeito moi urxente, o curso escolar está a piques de comenzar e os coches atópanse con moitos problemas para chegar á porta da escola", denunciou María José Rodríguez, quen engadiu que os veciños tamén mostraron o seu malestar polas promesas incumpridas polo goberno de Miguel Anxo Fernández Lores.
Ao respecto, recorda que Lores prometeu o acondicionamento das estradas da parroquia hai meses e "aínda no fixo nada". En declaracións recollidas polo PP os veciños lamentan que "é unha vergoña que por aquí non asfaltasen a carretera dende hai máis de 14 anos" e sinalan que os propios veciños en ocasións tiveron que votar cemento nalgunhas fochancas para evitar ter que sufrir maiores danos nos seus vehículos.