Unanimidade en Cerdedo-Cotobade para aprobar accións en defensa da N-541 e do cuartel da Garda Civil
Por Redacción
Os tres grupos políticos con representación na Corporación de Cerdedo-Cotobade, PP, PSOE e BNG, aprobaron por unanimidade no Pleno celebrado este xoves accións de defensa da estrada N-541 e do cuartel da Garda Civil do municipio.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou o "talante negociador" do goberno local e a "colaboración institucional e ánimo de consenso" de todos os grupos políticos a prol dos veciños, xa que as cinco mocións formuladas polas distintas formacións saíron adiante, en todos os casos, por unanimidade tras unha serie de negociacións e a introdución de certos cambios co obxectivo de incluír as posturas de todos os partidos. Unha presentouna o PP e PSOE e BNG propuxeron dúas cada partido.
Cubela amosouse "moi satisfeito" da actitude de todos no Pleno, no que "remaron" na mesma dirección co único obxectivo principal de atender aos cidadáns" e destacou que o actual goberno local do PP que el lidera é "aberto e inclusivo" e "escoita e trata con respecto democrático á oposición". Nesta liña aproveitou para destacar que esta situacióin "non como ocorre noutros sitios limítrofes dirixidos polo PSOE", sen dar nomes, pero nunha alusión velada ao Concello de Ponte Caldelas.
A unanimidade permitiu aprobar unha moción presentada por vía de urxencia polo alcalde para instar á Subdelegación do Goberno a restituír as prazas de axente perdidas no cuartel da Garda Civil de Cerdedo como consecuencia dunhas comisións de servizo.
Esta situación motivou o peche do edificio e que o posto só dispoña de dous números para patrullas e o que busca o Concello con esta moción é que o cuartel volva ter cinco efectivos para reforzar a seguridade cidadá e para que se reabran as instalacións e os veciños non teñan que desprazarse a Forcarei ou Lalín.
Ese acordo de todos os partidos tamén permitiu aprobar as dúas mocións do BNG. Unha delas demanda a mellora da estrada N-541 e foi aprobada sen modificacións, xa que o alcalde indicoulles que cumpre á perfección co pacto de concellos que está a impulsar dende hai semanas para esixirlle ao Goberno de España a modernización integral da vía ao seu paso polos oito municipios pontevedreses e ourensáns.
A segunda proposta do BNG foi solicitar unha liña urxente de axudas ás asociacións culturais e folclóricas. Nesta moción, aceptouse unha enmenda presentada polo propio equipo de goberno para que tamén se demandaran estas subvencións á Deputación de Pontevedra.
Tamén se acordaron por unanimidade senllas propostas dos socialistas, consistentes na posta en marcha dun plan de actividades de dinamización cultural e deportiva polas parroquias e da adquisición de máscaras infantís para a protección dos cativos nos centros educativos.
Relacionadas:
-
Cubela, satisfeito co aumento de efectivos da Garda Civil de Cerdedo e a ampliación a todo o municipio
Por Redacción |
-
Os habitantes de Cerdedo e Cotobade aínda son diferentes se requiren á Garda Civil
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade impulsará a promoción turística do San Xusto, A Freixa, os Petróglifos e a ruta Cabenca-Cavadosa
Por Redacción |
-
Cubela quere un pacto de 8 municipios para esixir a mellora da N-541 entre Pontevedra e Ourense
Por Redacción |
-
Cubela esixe ao Goberno a reactivación do cuartel da Garda Civil de Cerdedo ante os recurtes de horario e efectivos
Por Redacción |