O PSOE leva ao Parlamento a situación do centro de saúde de Vilaboa, coa metade dos médicos e sen pediatra
Por Redacción
A situación que se está a vivir no centro de saúde de Vilaboa desde hai meses, que o Concello non dubida en cualificar de "desatención", chegou ao Parlamento de Galicia. O grupo parlamentario do PSOE presentou unha proposta para instar á Xunta a garantir a correcta e plena asistencia sanitaria, especialmente en pediatría, para que a veciñanza non teña que desprazarse a Soutomaior.
Os deputados socialistas Xulio Torrado, Leticia Gallego e Marina Ortega asinan as iniciativas presentadas, nas que denuncian que, en plena pandemia da Covid-19, Vilaboa ten a metade dos médicos e está sen pediatra.
Leticia Gallego denuncia a "desidia" da Consellería de Sanidade fronte ás eivas na atención sanitaria no Concello de Vilaboa por baixas ou vacacións e denuncia que o centro de saúde ten 4 prazas de médicos xerais e 1 pediatra, ademais dunha matrona, dous administrativos e 3 enfermeiros, pero actualmente só está cuberta a metade do persoal.
Esta situación, segundo a socialista, deriva nunha "saturación profunda" dos profesionais que, sen axuda de Sanidade, ven como deben asumir o volume das consultas vacantes.
Gallego alerta de que este problema está causando malestar entre a veciñanza, que demanda unha solución mentres o Sergas lle di de palabra ao alcalde que os pais e nais leven aos menores a Soutomaior. "Sanidade explícalles que os atenderán aínda que non sexa unha urxencia para paliar a carencia", asegura Leticia Gallego, que engade que esa non é a solución que queren os habitantes desta localidade, porque no inicio do curso escolar hai unha maior demanda.
A deputada socialista esíxelle á Xunta que cubra as prazas vacantes, sinaladamente a do pediatra, para darlle á poboación a atención que merecen e denuncia o "desencanto que parece terse consolidado por canto a política do novo conselleiro é unha política continuista do anterior equipo".