Cubela quere un pacto de 8 municipios para esixir a mellora da N-541 entre Pontevedra e Ourense
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de dar un paso máis na súa idea de impulsar un pacto de concellos da N-541, que discorre polas provincias de Pontevedra e Ourense, para esixir de xeito coxunto ao Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana que acometa de modo urxente todas as obras de seguridade pendentes "co obxectivo de reducir a súa alta e crecente sinistralidade e protexer aos seus 1,46 millóns de usuarios anuais".
Por elo, quere celebrar unha reunión multilateral dos oito alcaldes destes municipios, ben presencial ben telemática por seguridade sanitaria, e xa lles solicitou a mesma formalmente co envío, na xornada de onte, dunha carta na que pide fixar a convocatoria.
O rexedor lembrou que os accidentes de tráfico van a máis e que, desgrazadamente, rexistran feridos e incluso vítimas cada pouco tempo, "o que confirma o sinalado por entidades especializadas en tráfico e seguridade, xa que Automovilistas Europeos Asociados di que o treito entre Mourente e Forcarei é dos catro máis perigosos de Galicia e o prestixioso RACE ten ao percorrido por Boborás, O Carballiño, Maside e Punxín entre os dez peores de toda España".
Cubela detallou que, segundo os datos oficiais, a Intensidade Media Diaria (IMD) desta estrada é de 4.219 vehículos en Pontevedra e Cerdedo-Cotobade, 2.270 na Portela de Lamas (Forcarei) e ata 4.858 nas inmediacións do Carballiño para unha media total duns 4.000, o que supón un volume de tráfico próximo aos 1,5 millóns de desprazamentos anuais.
"Se nos unimos todos, deixando de lado calquera cuestión partidista, que é o que pretendo, teremos moita máis forza posto que non é o mesmo a reclamación dun municipio que a que poidamos formular dende todo este territorio do sur de Galicia", dixo Jorge Cubela.