Colecta na rúa para recadar fondos para a investigación do cancro
Por Redacción
A Sede Provincial de Pontevedra da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) celebrou este mércores a súa tradicional campaña de colecta, un día para apoiar e impulsar a investigación en cancro e salvar vidas.
Este ano, a asociación pontevedresa tivo que reducir as súas 24 mesas petitorias a 11 e a participación do seu voluntariado a 35 fronte aos 120 habituais para cumprir coas medidas de seguridade debido á situación actual coa COVID-19.
O voluntariado estivo presente cos seus petos verdes nas rúas máis emblemáticas da cidade e tamén se dixitalizou a campaña para que a poboación poida facer as súas achegas de forma online, a través de Bizum ao 11244, enviando AECC Pontevedra ao 28014 ou mediante o peto dixital que creou a sede provincial que estará activa ata o 30 de setembro.
Carmen Abeledo, presidenta de AECC Pontevedra, quixo recalcar que "necesitamos a axuda da poboación agora máis que nunca".
"O cancro é unha enfermidade que estaba, está e estará moi presente na vida de moitas familias, que coa Covid-19 viron agravada a súa situación de vulnerabilidade no ámbito psicosocial, sanitario e económico", lembra Carmen Abeledo.
A entidade continuou apoiando e atendendo ao colectivo oncolóxico a través do traballo conxunto entre profesionais e rede de voluntariado, chegando a realizar "máis de 13.000 intervencións na provincia de Pontevedra desde xaneiro a agosto entre as familias con cancro e as persoas afectadas pola COVID-19".
Ademais, Abeledo quixo puntualizar "que a AECC é a entidade que máis proxectos ten en investigación en cancro". Actualmente uns 380 por un total de 70 millóns de euros e máis de 1.000 investigadores. "É fundamental que a investigación non se pare para conseguir o noso obxectivo de supervivencia do 70% para 2030", destacou.
"A AECC é a entidade que máis proxectos ten en investigación en cancro"
O ano pasado, a AECC Pontevedra destinou 166.926 euros a investigar o cancro, supoñendo 14.000 euros máis que o ano pasado, pero "temos que seguir traballando e recadando fondos porque a investigación é clave para frear esta enfermidade, non só para mellorar os tratamentos que recibirán os pacientes, senón tamén en conseguir probas de detección precoz cada vez menos invasivas".