Poio protesta ante a Xunta pola supresión de prazas de servizos na avenida da Porteliña
Por Redacción
A Concellería de Seguridade Cidadá de Poio vén de remitir un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que recupere canto antes as prazas de estacionamento destinadas a servizos na Avenida da Porteliña.
Estas prazas para servizos foron suprimidas polo departamento dependente da Xunta hai unhas semanas na PO-308, á altura do núcleo de San Salvador, e no seu lugar habilitouse unha parada de autobús, malia que a poucos metros xa existe un espazo específico para as paradas dos autobuses, na mesma avenida da Porteliña.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, sinala que "non estamos en contra de que se pinte un espazo para buses, pero non pode ser a costa da supresión de prazas que eran moi utilizadas pola veciñanza e polos numerosos comerciantes e responsables de negocios que existen neste emprazamento".
Neste sentido, a edil do BNG denuncia que a Consellería de Infraestruturas levou a cabo esta actuación sen ningún tipo de comunicación previa nin ao Concello de Poio nin á cidadanía. "É certo que a estrada é de titularidade autonómica e, polo tanto, a Xunta pode actuar nela, pero non estaría de máis informar á xente e ao Concello cando se tome unha medida que deixa a tantos afectados e afectadas", indica a concelleira.
Marga Caldas conclúe sinalando que será o Concello quen asuma o repintado das prazas de servizos se a Xunta non atende a esta petición, que conta cos pertinentes informes policiais.
Relacionadas:
-
Poio traslada á Xunta a necesidade de reformar a PO-308 no núcleo urbano de San Salvador
Por Oskar Viéitez |
-
Case 4 de cada 10 infraccións de tráfico en Poio cométense na PO-308
Por Redacción |
-
A Plataforma de San Salvador ameaza con mobilizacións se non se crean máis prazas de aparcamento
Por Oskar Viéitez |