Reabre o parque infantil de Médico Ballina coa estrea de 13 árbores de sombra
Por Redacción
Este mércores volvía a actividade ao parque infantil de Médico Ballina, unha vez remataron os labores de plantación das 13 árbores que darán sombra en varias zonas do espazo de xogos e que eran reclamadas polos usuarios desde a súa inauguración este verán.
Estes traballos foron realizados polas firmas Viveiros O Piñeiro e Leisure Gallaeci, que plantaron seis exemplares de ficus nítida, seis ligustros variegados e un singular brachichito acerifolio. As árbores plantadas son de folla perenne, tal e como solicitara a veciñanza, e que, no caso dos ficus, permiten unha manipulación máis sinxela da súa forma para adaptala ás condicións das diferentes estacións, cumprindo así mellor coa súa función principal de achegar sombra.
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural investiu 9.500 euros nestas tarefas, que inclúen a protección das árbores na súa base con alcorques de caucho amortiguante e permeable, de cara a facilitar a filtración de auga.
Segundo avanza o concelleiro responsable, o socialista Iván Puentes, a próxima actuación, xa de cara aos meses de inverno, será a dotación dun moderno sistema de iluminación "que lle porá a guinda a esta espectacular zona de xogo tan agardada polos veciños". Nestes momentos, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns ten sobre a mesa dous orzamentos diferentes de entre 15.000 e 17.000 euros remitidos pola empresa Setga para instalar unha columna de luminarias que faga posible a utilización do parque a calquera hora do día.
O proxecto de construción do espazo de xogo e lecer de Médico Ballina acadará con estas melloras un orzamento total de 184.000 euros.
DOTACIÓN DO PARQUE INFANTIL
O parque conta cuns 1.200 metros cadrados de superficie útil, nos que se instalaron diversos xogos para diferentes idades, incluíndo unha tirolina; un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha para bebés e outra inclusiva; un bambán con forma de cesto; dous equipos combinados (a xeito de xincana); paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia; un labirinto inclusivo, e varios bambáns con resortes. A zona de descanso dispón de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros para xogos de mesa e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.
Relacionadas:
-
Comezan as obras para dotar á rúa Médico Ballina de aparcadoiros
Por Redacción |
-
Plantan trece árbores para darlle sombra ao parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción |
-
Ganas de xogar no demandado parque infantil de Médico Ballina: “Es como un sueño hecho realidad”
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Médico Ballina estreará a próxima semana o seu ansiado parque infantil
Por Alejandro Espiño |