En marcha a liña de transporte regular para o alumnado vilaboés que cursa estudos en Arcade
Por Oskar Viéitez
Despois das xestións levadas adiante polo goberno municipal de Vilaboa coa Xunta de Galicia, a liña de transporte regular entre San Adrián e o IES Soutomaior de Arcade xa é unha realidade para os alumnos de Vilaboa que cursen Secundaria no concello veciño.
O servizo comezará a funcionar de maneira regular a partir de 1 de outubro, unha vez que a empresa concesionaria Monbús a incorpore, segundo anunciou o alcalde, César Poza, que se desprazaba ata a sede administrativa da Xunta en Pontevedra para coñecer de primeira man a situación deste servizo tan demandado.
Así, o alumnado que curse estudos no IES de Arcade poderá beneficiarse do transporte a través da Tarxeta Xente Nova, a tarxeta de transporte metropolitano de Galicia que permite realizar todas as viaxes interurbanas gratis.
A Tarxeta Xente Nova é expedida por Abanca, onde se recolle despois da súa solicitude e tramitación mediante unha cita nunha oficina adherida. Namentres xestiónanse estas tarxetas, durante o mes de setembro, os alumnos poderán empregar a liña igualmente de maneira gratuíta.
Finalmente, o alcalde tamén quixo agradecer ao xefe territorial de Educación, César Pérez, pola súa colaboración e interese por darlle unha resposta á situación dos alumnos de segundo ciclo do concello vilaboés.