Formación en COVID-19 para os coordinadores dos colexios de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
Despois de recibir formación a distancia nos primeiros días de setembro, os equipos COVID-19 dos colexios da provincia de Pontevedra está recibindo un reforzo a través de formación presencial.
A Consellería de Sanidade, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, iniciaba este martes unha serie de xornadas formativas cos representantes dos equipos COVID-19 de cada un dos colexios públicos e concertados sobre o protocolo que deben seguir e a situación da pandemia.
A actividade desenvolveuse de xeito presencial en dúas quendas, por cuestión de aforo, no salón de actos da Delegación da Xunta en Pontevedra. Foron citados os coordinadores de 122 colexios de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da área de Pontevedra. Este xoves desenvolverase outro acto similar pola mañá para os centros educativos da comarca do Salnés.
Os coordinadores COVID-19 son as persoas de referencia para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias de cada colexio. Os equipos están integrados pola persoa titular da dirección do centro, ou en quen delegue ou a substitúa, e dous membros do profesorado. En centros pequenos, con menos de seis unidades, o equipo poderá constituírse cunha soa persoa.
Nesta xornada formativa abordouse a información básica sobre o coronavirus, a súa afección na poboación infantil e os síntomas, así como as medidas de vixilancia, prevención e control. Ademais, déronse pautas sobre como actuar ante unha sospeita de infección por coronavirus no centro escolar e o mecanismo de alerta que se debe activar.
A formación correu a cargo do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández; da subdirectora da Área Asistencial Médica, Dolores Pan; do xefe do Servizo de Medicina Preventiva do CHOP, Javier Paz Esquete; así como dun especialista en Pediatría e outro en Atención Primaria.
Relacionadas:
-
Educación contratará preto de 2.000 docentes para atender as demandas expresadas desde os centros de ensino
Por Redacción |
-
Colexios e institutos buscan novos espazos para cumprir coa distancia de seguridade entre estudantes
Por Manu Otero |
-
O curso escolar será presencial e os colexios permanecerán abertos aínda que haxa positivos
Por Natalia Puga |