Comeza o cribado entre colectivos especialmente expostos
Por Oskar Viéitez
Desde este luns, profesionais do sector da hostalería dos concellos de Pontevedra, Poio, Marín e Vilaboa están a someterse a probas PCR.
Trátase de cribados preventivos que están dirixidos a aqueles colectivos especialmente expostos polo que á hostalería seguiralle o sector do taxi, o de axuda no fogar e os policías locais. A medida aplícase nestes catro municipios debido ás restricións especiais que teñen por mor da situación epidemiolóxica.
Desde a administración sanitaria habilitáronse quendas de mañá e tarde para poder facer este elevado número de probas.
O punto de extracción de probas situouse ao fondo do aparcamento lateral exterior do Hospital Provincial de Pontevedra, con acceso pola rúa Loureiro Crespo.
A través de sinais no chan ao longo do aparcamento habilitouse un circuíto diferenciado de acceso e saída de persoas ao recinto para axilizar o traballo e evitar atascos.