En Pontevedra hai 338 casos activos de coronavirus, 51 en Marín e 56 en Poio
Por Oskar Viéitez
A Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra deu traslado aos concellos este luns, 21 de setembro, dos datos actualizados en canto á incidencia da Covid-19.
O Concello de Pontevedra ten activos 338 casos de coronavirus. Dado que Pontevedra non foi informada nos últimos os días dos casos activos, o alcalde solicitou este dato sendo informado de que o xoves e venres sumaron 45 positivos, o sábado houbo 3 casos menos, e outras tres altas de doentes de covid rexistráronse o domingo, polo que a cifra global sitúase en 338.
Fernández Lores segue facendo un "chamamento á responsabilidade e prudencia a pesar de que os datos dos dous últimos días reflictan un descenso das cifras porque aínda é moi prematuro falar dun descenso da liña de crecemento dos casos na cidade".
MARÍN
En Marín hai 51 casos activos, segundo a actualización feita este luns dos datos sobre a incidencia en Marín da Covid19, facilitados pola Consellería de Sanidade.
Tal e como avanzou a Xunta de Galicia e ao igual que nos concellos limítrofes, realizaranse probas PCR aos sectores que teñen contactos máis estreitos coa poboación: Policía Local, taxistas e plantilla das empresas de coidado a domicilio. Extenderanse tamén ao sector hosteleiro.
POIO
Actualmente, en Poio hai 56 casos activos de coronavirus. O alcalde, Luciano Sobral, entende que "agora máis que nunca é moi importante apelar á responsabilidade de todos e todas as cidadás á hora de cumprir coas medidas de prevención. Todos e todas temos que implicarnos ao 100% para tratar de frear os contaxios".
O rexedor non oculta que a situación "é preocupante", pero tamén apunta que "somos conscientes de que a tendencia en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés leva semanas é de incremento no número de casos, por iso é importante que a cidadanía cumpra coas normas de hixiene e distanciamento, así como coas restricións establecidas actualmente. É a única maneira de que poidamos saír desta situación canto antes", indicou.
Os alcaldes de Pontevedra, Marín e Poio participarán este martes nunha reunión, vía telemática, co conselleiro de Sanidade e o xerente da Área Sanitaria para valorar a situación, actuar e valorar posibles novas medidas a acometer.
Relacionadas:
-
A cifra de casos activos de coronavirus chega a 760 na área sanitaria tras unha xornada con 39 novos contaxios
Por Diego Espiño |
-
Unha escalada que non cesa: medio centenar de novos positivos de COVID na área sanitaria e 737 casos activos
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra rexistra 39 novos contaxios de COVID e sitúase como segunda área sanitaria galega con peores datos, con 702 casos activos
Por Diego Espiño |