Ferido de consideración o condutor dun quad que chocou contra unha parede en Cambados
Por Redacción
Un home resultou ferido "de consideración", segundo o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, despois de sufrir este domingo un accidente de circulación nun quad no municipio de Cambados.
O suceso tivo lugar pouco antes das 14.30 horas da tarde na parroquia de Vilariño.
Tratouse dun golpe importante, xa que o quad no que viaxaba impactou contra unha parede.
Ademais de persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que foron os que trasladaron a alerta ao propio 112, deuse aviso aos bombeiros do Salnés, ao servizo municipal de Emerxencias, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.
O ferido foi trasladado polos efectivos sanitarios ao Hospital do Salnés.