Sanxenxo finaliza a tempada alta cunha ocupación media do 54%

Por Redacción
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) realizou un balance positivo do conxunto da tempada alta que acaba de concluír cunha ocupación medida durante a primeira quincena de setembro do 46,30%, segundo a enquisa realizada entre os asociados.
Un resultado lonxe do 76% que alcanzou neste mesmo período do ano pasado pero que os empresarios de Sanxenxo valoran como bo no contexto das circunstancias excepcionais nas que se traballou, marcado profundamente pola pandemia e onde a incerteza foi a tónica xeral. Con este dato, o CETS pecha campaña cunha ocupación media do 54% no conxunto de xullo, agosto e primeira quincena de setembro.
"O balance xeral é bo, traballouse ben, aínda que é certo que pechamos a tempada con certa sensación agridoce porque foi unha campaña moi curta. Perdemos Semana Santa, ponte de maio e agora a tempada alta foi máis curta do habitual, e iso ímolo a notar no balance de rendibilidade anual, pero o sector soubo responder con profesionalidade e con celeridade, adaptámonos ás circunstancias e conseguimos salvar un verán que se debuxaba moi complicado en xuño", explicou o presidente do CETS, Alfonso Martínez.
Durante este tramo final de setembro, os hoteis de catro estrelas volveron ser os que mellor porcentaxe de ocupación marcaron, cun 73,5%, seguidos dos hoteis de dous e tres estrelas (49% e 45%, respectivamente), sendo o apartamentos, hoteis dunha estrela e cámpings os que marcaron os resultados máis baixos.
A pesar diso, o presidente do CETS quixo destacar o esforzo do conxunto dos empresarios por manter os seus establecementos abertos, dándolle continuidade a moitos empregos, vitais para a economía do municipio. "Estivemos abertos o 98% dos aloxamentos, polo que conseguir unha ocupación superior ao 50% co número de prazas hostaleiras que ofertamos, debemos valoralo como un éxito", analizou Martínez.
Así mesmo, quixo destacar tanto a gran capacidade de adaptación e de profesionalidade demostrada polos empresarios turísticos, que souberon acometer as medidas necesarias derivadas da COVID19, como o gran traballo levado a cabo polo Concello, en canto á posta en marcha de medidas e protocolos, higienización, limpeza e sensibilización a través dos informadores de praia habilitados polo Concello, co obxectivo de transmitir que Sanxenxo era un destino seguro. De feito, nun ano tan complicado como leste conseguiron non só manter, se non incrementar tanto as Q de Calidade (conseguindo unha mais, Panadeira) e as Bandeiras Azuis (14 en praias, 3 mais que o ano pasado).
Por último, Alfonso Martínez tamén destacou a fortaleza da marca Sanxenxo, cuxa consolidación ao longo dos anos como sinónimo de calidade e bo facer foron determinantes para conseguir estes bos resultados que "son froito dun traballo ao longo dos anos que non debemos abandonar agora. Máis que nunca toca seguir traballando na promoción de destino, coidando a marca e adaptándonos ás novas necesidades do viaxeiro".