Máis de 1.100 persoas usaron este ano o servizo de recollida de voluminosos de Poio
Por Redacción
Un total de 1.104 veciños e veciñas de Poio usaron no que vai de ano o servizo de recollida de voluminosos, solicitando a través dunha chamada telefónica a retirada dos seus domicilios de mobles vellos ou electrodomésticos de gran tamaño para o seu tratamento axeitado.
Máis da metade destas solicitudes (o 52,2%) se xestionaron durante os meses de verán, sendo agosto o mes no que houbo unha maior demanda, con ata 213 chamadas. Durante toda a tempada estival, as peticións ascenderon a 577.
A media mensual desde o comezo de 2020 foi de 139 chamadas e, ademais desta retirada de materiais voluminosos, tamén se tramitaron limpeza de restos de poda e se deron avisos por diferentes incidencias.
A concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada, destacou a boa acollida do servizo e da campaña que, baixo o eslogan Poio é precioso, por que o estragas?, pretende concienciar á cidadanía da necesidade de utilizar un servizo que axuda a preservar o medio ambiente, evitando o abandono destes residuos na vía pública ou en espazos naturais.
Os paneis instalados para a campaña inclúen un código QR, a través do cal os usuarios poden descargarse a aplicación da Liña Verde, a través da cal poden informar ao Concello sobre calquera incidencia para o seu arranxo.
Chelo Besada advirte de que as persoas que deixan estes restos "en calquera parte e sen ningún tipo de preocupación" poden expoñerse a importantes multas económicas.
A este respecto, a Policía Local de Poio identificou a dúas persoas, por deixar residuos e voluminosos na rúa, nas parroquias de San Salvador e Combarro.
A tenente de alcalde lembra que, para poder gozar do servizo gratuíto de recollida, só é preciso chamar ao número de teléfono 986771185, que está operativo de luns a venres, en horario de 9.00 ás 13.00 horas.