Os coches volven invadir de xeito simbólico a Praza de España
Por Redacción & Mónica Patxot
Reflectir de xeito visual o espazo que, antes de ser recuperado para os cidadáns, ocupaban os coches na Praza de España. Ese foi o obxectivo da intervención efémera que, con motivo da Semana Europea da Mobilidade, organizou este venres o Concello de Pontevedra.
Así, durante os vindeiros días, os vinilos con forma de coches que 'invaden' simbolicamente a praza amosarán mensaxes como "91% menos de vehículos no centro", "cada praza recupera a súa orixe" ou "1,3 millóns de metros cadrados de peonalizacións".
A pé de instalación, a concelleira Carme da Silva explicou que nun momento marcado pola pandemia da COVID-19, "púxose de manifesto a necesidade de repensar e reconfigurar os espazos públicos", o que atraeu novas miradas cara o modelo urbano de Pontevedra.
Esta campaña, engadiu Da Silva, é unha forma de participar na Semana Europea de Mobilidade para reivindicar os cambios acadados en Pontevedra e amosar "como se pode gozar paseando, andando e facendo a vida diaria polos espazos públicos e como se gaña en calidade de vida".
A responsable municipal tamén explicou que a intervención efémera que está instalada na Praza de España estaba deseñada inicialmente con máis elementos para propiciar a interacción dos cidadáns.
Con todo, algúns dos aspectos foron suprimidos atendendo ás medidas de prevención da COVID-19 vixentes neste momento en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Pontevedra recolle o Premio Semana Europea da Mobilidade 2020 pola seguridade das súas vías urbanas
Por Redacción |
-
Valencia premia a Pontevedra pola súa "exemplar" transformación urbana
Por Alejandro Espiño |
-
Lores, entrevistado pola Comisión Europea polo premio Urban Road Safety Award
Por Redacción |