Un home de 35 anos, detido por vender cocaína nas inmediacións de locais de hostalería da cidade
Por Redacción
Un home de 35 anos foi detido nun operativo conxunto da Policía Nacional e da Policía Local acusado de vender droga na contorna de diversos locais de hostalería da cidade de Pontevedra, todo iso en horario nocturno.
A operación policial, que recibiu o nome de "Bambú", arrancou hai meses despois de recibirse numerosas denuncias de varios colectivos veciñais.
Tras establecer varios dispositivos de vixilancia, os axentes comprobaron como o detido frecuentaba estes bares para contactar con outras persoas. Segundo a Policía, eran contactos breves e sen motivo aparente, característicos do menudeo de drogas.
A medida que foi avanzando a investigación, as autoridades descubriron que ademais das vendas de cocaína que realizaba no centro histórico, esta persoa tamén se desprazaba frecuentemente no seu vehículo a diversos puntos da cidade.
Neles, tras manter con eles unha conversación telefónica, contactaba con terceiras persoas para fornecerlles substancias estupefacientes previo pago de diñeiro en metálico.
Despois de ser detido, os axentes rexistraron o seu domicilio, onde acharon 300 dose de cocaína preparadas para a súa distribución, 842,37 gramos de substancia de corte, cinco teléfonos móbiles de alta gama, dúas básculas de precisión, xoias de dubidosa procedencia e 5.231 euros en efectivo. Ademais, interviron o coche que utilizaba.
Esta persoa, segundo a Policía Nacional, é un dos vendedores máis activos na modalidade de venda polo miúdo de cocaína na cidade de Pontevedra.