Un total de trece sacerdotes concelebrarán a misa solemne en honor a San Roque
Por Redacción
Un total de trece sacerdotes concelebrarán a Misa Solemne en honor a San Roque como colofón aos actos relixiosos con motivo das Festas dos Dolores de Ponte Caldelas. O oficio comezará ás 20 horas e a continuación terá lugar a tradicional procesión polo centro da vila que, nesta ocasión, estará acompañada pola Banda de Guerra da Brilat e a Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade.
O cura párroco de Ponte Caldelas estará acompañado nesta celebración relixiosa, que contará coa participación da Coral Valdarrosa, polos sacerdotes titulares das parroquias de Arcade, Soutomaior, Ponte Sampaio, Pazos de Borbén, A Ramallosa, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Noia, Ponteareas, Beluso (Bueu), Cuntis e Coiro (Cangas do Morrazo), converténdose tamén este evento nun encontro entre representantes eclesiásticos pertencentes ao Arcebispado de Santiago e ao Bispado de Tui-Vigo.
Por outra parte, sinalar que a multitudinaria procesión portará as imaxes da Sagrada Familia e da Virxe dos Dolores que se dirixirán cara as súas respectivas capelas acompañadas pola Banda de Guerra da Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable (Brilat) e a Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade, contribuíndo así a un maior realce e solemnidade deste acto relixioso que congrega a numerosos devotos.
A clausura oficial das festas terá lugar, na Alameda, a partir das 23 horas, coa celebración da verbena amenizada polas orquestras Passarela, Solara e Isla, estando previsto que finalice esta ás oito da mañá do mércores 28 de agosto, que será festa local no municipio.
ÿXITO DE PUBLICO E PARTICIPACION DE GRUPOS LOCAIS
Por último, hai que indicar que a xornada festiva do luns se iniciou ás 12 da mañá cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Xuvenil de Barro, con posterior concerto na Alameda de Ponte Caldelas, ás 13:30 horas.
O prato musical forte da xornada estivo a cargo do Festival "Son de Ponte Caldelas", organizado pola Banda de Gaitas Os Coribantes, e no que participaron todas as agrupacións musicais e folclóricas existentes no municipio alcanzando un grande éxito de participación de gurpos e de presenza de público que abarrotou, novamente e por completo, a Alameda de Ponte Caldelas.