Vilaboa tentará evitar o peche da oficina do Banco Santander no municipio
Por Redacción
O Banco Santander ten intención de pechar a súa sucursal bancaria no municipio de Vilaboa en breve segundo o goberno local. Esta situación provocou o malestar entre a clientela que reside neste Concello. Ante esta situación, o Concello de Vilaboa acordaba en comisión plenaria elevar unha declaración institucional de todas as forzas políticas representadas na corporación (PSOE, PP e BNG).
Solicitan á Consellería de Economía e ao Instituto Galego de Consumo que adopten medidas para defender aos consumidores das entidades bancarias en territorio galego e realicen as xestións necesarias para frear a decisión prevista polos xestores do Banco Santander.
Segundo indica o alcalde César Poza en todo o municipio só existen dúas sucursais bancarias operando na actualidade, Abanca e Banco Santander, en dúas localizacións separadas por cinco quilómetros. O peche da sucursal do Santander afectará a máis de 6.000 persoas que quedarán só cunha oficina bancaria.
Esta declaración vai levarse ao pleno municipal previsto para finais deste mes de setembro. Desde o goberno municipal apúntase que xa se trasladou este malestar á entidade bancaria. O alcalde ten previsto manter un encontro cos responsables da entidade ao longo da próxima semana.
Desde o PP, o portavoz Alberto Acuña, tamén mostra o seu rexeitamento ao cambio de xestión nesta oficina situada en Toural e temen o peche da sucursal. Ademais, lembran á entidade que o caixeiro automático leva un mes sen funcionar.