Arde a lavandería do Hotel Madrid durante a madrugada
Por Mónica Patxot & Redacción
Ao redor das 01.30 horas, unha patrulla da Policía Nacional alertaba ao Parque de Bombeiros de Pontevedra debido a un incendio que se orixinou no Hotel Madrid, situado na rúa Andrés Mellado.
As lapas orixináronse no cuarto de lavandería por causas que aínda están por determinar. Todo ese espazo quedaba calcinado, segundo a información facilitada polos Bombeiros de Pontevedra, afectando a secadoras e lavadoras, ademais de causar danos nas tubaxes de auga. Isto provocou unha inundación no garaxe inferior debido ás fugas de auga que se produciron como consecuencia do incendio.
Os bombeiros controlaron rapidamente as lapas evitando que se estendesen por outros espazos do inmoble e foi necesaria a ventilación pola presenza de fume nas caixas de escaleira.
Algunha das persoas que se atopaban no hotel saíron á rúa debido á alarma xerada e os que se atopaban nos seus cuartos foron alertados desde recepción para que se mantivesen nas súas estancias ata que finalizasen os traballos. Non foi necesario o desaloxo por parte dos servizos de emerxencias.
Ao redor das 03.00 horas, os bombeiros finalizaban a súa intervención coa extinción do lume e a ventilación do edificio. Non se produciron danos persoais aínda que os danos materiais na lavandería foron importantes.