Sanxenxo contratará 16 profesores para a escola de música municipal
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo iniciou o proceso de selección para a contratación de 16 profesores para impartir clases na escola municipal de música.
Segundo informou o goberno local, as disciplinas para as que se contratarán docentes este curso son: oboe, frauta, clarinete, saxofón, fagot, trompa, trombón, tuba, violoncelo, contrabaixo, percusión, guitarra, piano, linguaxe musical e educación musical.
As persoas interesadas deberán presentar a instancia no rexistro municipal ou na sede electrónica antes do luns día 21 de setembro.
O sistema de elección será o de concurso-oposición, cunha proba selectiva que terá lugar o vindeiro xoves 24 de setembro ás 9.00 horas no Auditorio.
A previsión é que o curso puda iniciarse a principios de outubro con aforos limitados a un máximo de 10 alumnos por aula e medidas de seguridade anticovid, obrigando por tanto a desdobrar clases e a crear ata 22 grupos de distintos niveis. Ademais crearanse accesos de entradas e saídas diferenciados con sinais no chan e o uso de xel hidroalcólico e a máscara serán obrigatorios.